A Casa do Mel de Goente e mailo Concello suscribiron recentemente un novo convenio de colaboración con dous obxectivos principais: dunha banda manter o apiario didáctico da Cortiña como lugar desde o que seguir divulgando o apaixoante mundo das abellas e, doutra, promover o coñecemento especializado da actividade apícola con accións formativas e xornadas técnicas. Neste segundo obxectivo encádrase o Curso de Iniciación á apicultura que comezará o sábado 27 na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición remata o próximo día 24 ás 14.00h., e para apuntarse hai que chamar ao 981 490 027. Esta actividade é gratuíta para persoas empadroadas no Concello, que terán prioridade no acceso a algunha das 20 prazas ofertadas.
Esta proposta de introdución á apicultura terá unha duración de 20 horas repartidas en catro fins de semana e cun horario de 9.00 a 14.00h. As clases desenvolveranse na Casa da Xuventude os días 27 de abril, o sábado 4 e o domingo 5 de maio, mentres que a última xornada, prevista para o sábado 11 de maio, terá lugar na Casa do Mel de Goente.
O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou que teñan certo interese no mundo apícola. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso. Así, no segundo día de curso tratarase a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. O domingo 5 facilitarase información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática, da varroa e da loque.
O último día, o sábado 11 de maio, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se poden sacar da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.
Ofértanse un mínimo de 10 prazas e un máximo de 20, dándolle prioridade nas inscricións a persoas empadroadas en San Sadurniño e socias da Casa do Mel, para quen a actividade será gratuíta. O resto de participantes deberá pagar 40€ o primeiro día do curso. As inscricións poden facerse chamando ao Concello -981 490 027- ata o 24 de abril ás 14.00h.
Xornadas “Apostando polo sector primario”
O curso de iniciación da Casa do Mel non será a única referenza á apicultura que haberá nos próximos días. Cadrando coa Feira da Plantación, tanto esta entidade como a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a AGFA do Eume encargaranse de coordinar o programa de charlas “Apostando polo sector primario”, organizado pola área municipal de Desenvolvemento local.
O ciclo comezará o venres 26 ás 19.30h. falando de comercialización de produtos agroalimentarios e, en especial, do etiquetado e venda do mel. Dos contidos da sesión encargarase o apicultor Marcos Varela.
O venres 3 de maio o programa estará composto desde as 19.00h. por dúas charlas consecutivas, unha sobre técnicas agroecolóxicas para mellorar a calidade da froita e outra sobre as obrigas fiscais coas que se debe cumprir se se obtén unha renda complementaria pola venda de produtos agrícolas. As ponencias impartiranas o enxeñeiro Marcos Besada e a técnica do SLG Conchi Mogo.
A última xornada de “Apostando polo sector primario” traerá ata San Sadurniño a Xan Pouliquen, un dos máximos referentes en Galicia no tocante a agroecoloxía e sustentabilidade. Pouliquen falará o 10 de maio -19.00h.- sobre a elección axeitada de especies para sebes e peches vexetais, comentando tamén as súas funcións e os beneficios que lle reportan aos cultivos.
Todas as charlas terán lugar na Casa da Xuventude.