Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño concede 42 bolsas de estudo e para servizos de conciliación por un importe total de 16.400 €


 

Os servizos administrativos do Concello cursaron estes días as comunicacións ás familias sobre a concesión de bolsas escolares, para as que o orzamento municipal tiña reservada unha partida de 25.000 euros, incluídos 2.000 euros para casos de urxencia social. En total adxudicáronse 42 bolsas por un importe global de 16.405 euros, a maior parte delas dirixidas a alumnado matriculado en centros públicos en estudos obrigatorios e postobrigatorios.

No caso das bolsas dirixidas a alumnado de estudos obrigatorios matriculado no CPI de San Sadurniño resolvéronse favorablemente 16 peticións que, segundo a convocatoria, podían beneficiarse de ata 200 euros por nena ou neno matriculado no centro. Así, a contía total distribuída entre elas foi de 3.200 euros e en todos os casos polo importe máximo da bolsa.

No tocante ás axudas para mocidade que estuda ensinanzas postobrigatorias, é dicir, bacharelatos, FP e estudos universitarios, admitíronse 16 das 18 solicitudes presentadas. En total distribuíronse 6.835,92 euros, co límite de 600 euros por estudante. O promedio sitúase neste caso nuns 427 euros de axuda, tendo en conta que varias solicitudes alcanzaron o tope máximo mentres que outras a bolsa foi inferior a esa cantidade por razóns da renda familiar.

O último apartado da convocatoria de bolsas dirixíase a familias con nenas e nenos matriculados este curso na EIM A Rolada. Obtiveron bolsa 10 peticións, entre as que se propuxo distribuír un total de 6.370€ atendendo a criterios como a renda ou os servizos solicitados dentro da escola. A cantidade media de axudas concedidas situaríase, polo tanto, en 637€, aínda que tamén se debe ter en conta que os pagamentos se prorratean e ingresan por cada mes que o neno ou nena teña matrícula no centro. En ningún caso se chegou ao tope máximo de 1.500 euros previsto nas bases.

O Concello recibiu 52 solicitudes, das cales 10 quedaron excluídas por incumprir as bases, principalmente no referido aos criterios de renda. Quen si accedese a elas debe saber que todas estas bolsas municipais son compatibles coas convocadas por outras administracións.

Últimos días para formalizar as solicitudes para actividade cultural e deportiva
Desde a área de Cultura e Deporte tamén se informa que o martes 23 de abril finaliza o prazo para presentar as solicitudes para as axudas en concorrencia competitiva de Cultura e Deportes. A liña conta cunha partida total de 30.000 euros -4.000 máis que o ano pasado-, dos que 24.000 van para asociacións veciñais, culturais e comisións de festas e os 6.000 restantes para os clubes deportivos sen convenio nominativo.

Os cambios máis reseñables con respecto ao ano pasado son o aumento a 5.000 euros do tope máximo de subvención cultural, a obriga en ambas liñas de xustificar alomenos o 50% da contía concedida para poder percibir axuda -coa correspondente minoración se non se cumpre o programa subvencionado- e tamén a da ampliación até o 30 de decembro do prazo para presentar a documentación xustificativa.