Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente invita aos 55.000 pescadores galegos a facer achegas á nova Lei de Pesca para avanzar cara unha actividade máis sostible


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o departamento que dirixe está a tramitar un cambio normativo nesta materia para actualizar unha norma que conta con máis de dúas décadas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, invitou aos 55.000 pescadores galegos a trasladar as súas achegas a nova Lei de pesca, co fin de avanzar cara unha actividade máis sostible. Así llo trasladou esta mañá ao presidente da Federación Galega de Pesca e Casting, Manuel Mouzo Méndez, co que asinou un convenio de colaboración para apoiar o fomento de actividades ao longo do presente ano.

Vázquez Mejuto recordou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a traballar nunha nova norma, que actualizará á actual que conta con máis de 20 anos de vixencia, polo que hai aspectos que é preciso adaptar aos novos tempo. Tamén salientou que unha das máximas ás que se quere dar resposta é xustamente facer que esta modalidade deportiva sexa cada vez máis sostible.

O texto -que está en tramitación- xa superou o trámite de consulta pública previa, período durante o que se presentaron máis de 100 achegas; agora, avanzarase cara a súa participación pública, para que todas as persoas interesadas e os colectivos sociais poidan facer as súas achegas. O obxectivo é acadar un texto consensuado e que de resposta ás demandas do colectivo.

Fomentar o relevo xeracional
A conselleira de Medio Ambiente destacou que unha das eivas ás que tamén dará resposta o futuro texto é fomentar o relevo xeracional; “un aspecto no que xa se está a traballar como da conta o convenio asinado esta mañá”, defendeu a conselleira.

Salientou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora coa Federación Galega de Pesca na organización de eventos e campionatos relacionados coa actividade piscícola durante o ano 2019, dirixidos a menores de 18 anos. Entre as actividades a destacar están a celebración dun curso de iniciación á pesca sostible e outro de mosca nas categorías as categorías benxamín, infantil e xuvenil.

Tamén se celebrarán diversas competicións en distintos puntos da Comunidade, así como a participación no Campionato de España de salmónidos, que se celebrará este ano en Burgos.

Ángeles Vázquez argumentou que este tipo de actividades é un xeito de fomentar a pesca entre os máis novos, afianzando o relevo xeracional e sobre todo, ofrece alternativas de ocio e que promoven o respecto polos nosos recursos naturais.

Por último, agradeceu o traballo que a Federación está a realizar para facer que medre o número de licenzas de pesca deportiva, captando novos pescadores e pescadoras.