A Xunta de Goberno local acaba de adxudicar os traballos de renovación do sistema de iluminación do pavillón municipal e do campo de fútbol dos Currás, dentro dun proxecto deseñado pola FAEPAC que se financia con fondos do POS Adicional de 2018. Tal e como consta na plataforma de contratación do Concello, o importe da obra ascende a 27.778,10€ e a empresa adxudicataria ten un prazo máximo de 90 días para executala, aínda que as previsións son que poida quedar lista ao longo da semana que entra. O contrato recaeu en Tecnored S.A., unha das seis firmas especializadas que optaban á licitación municipal co obxectivo de mellorar as condicións lumínicas dos dous espazos deportivos, ademais de rebaixar o seu consumo eléctrico.
O proxecto elaborado pola FAEPAC baséase nun estudo previo das condicións de iluminación e dos sistemas eléctricos, pero tamén no que indican as distintas federacións e normativas ao respecto do que se considera unha situación lumínica ideal.
Por exemplo, no caso do pavillón municipal apreciouse que as actuais lámpadas de haloxenuro ofrecen unha luz pobre e que, ademais, a súa distribución non é a axeitada para o desenvolvemento de partidos ao máximo nivel. Por iso o proxecto recolle pasar o sistema a focos led e cambiar o emprazamento e a orientación, de cara a asegurar que o rectángulo estea perfectamente iluminado para quen xoga -sen sombras nin deslumbramentos-, pero tamén para quen siga o partido desde as bancadas.
No caso do campo de fútbol a FAEPAC recomendou instalar novos proxectores complementarios de alto fluxo lumínico. A axencia provincial incluiu no proxecto dous focos led por cada poste a maiores dos xa existentes que, co cambio, poderán acender de forma independente, ofrecendo así un maior control sobre a luz que se necesita en cada momento e tamén sobre o consumo eléctrico.
Nas instalacións dos Currás, ademais de incrementar a luz para cumprir coa norma UNE 12193 Clase III, tamén se acometerá un reaxuste xeral do funcionamento eléctrico para evitar picos de consumo. Neste momento o sistema permite que funcionen ao mesmo tempo o sistema de rega e mailos focos, algo que produce penalizacións na factura da luz en momentos puntuais por ter unha demanda enerxética superior á potencia contratada. Así, o cambio consistirá en instalar dispositivos que impidan a activación da bomba de rega cando os focos do terreo de xogo estean acesos.
As modificacións en ambos emprazamentos traerán aparellado un aforro estimado anual duns 2.287,62 €, segundo consta no informe técnico da FAEPAC, sumando capítulos como a redución da potencia contratada, a rebaixa de penalizacións ou o aforro en mantemento e reposición de lámpadas e equipamentos auxiliares.
O Concello licitou o proxecto conxunto por un importe de 42.533,42 euros -ive incluído-, financiados con cargo aos fondos do POS+ Adicional 2018 habilitados pola Deputación da Coruña. A Mesa de Contratación revisou a principios de ano as 7 propostas achegadas ao procedemento supersimplificado. 6 delas foron as admitidas finalmente e, de entre todas, a adxudicataria resultou Tecnored S.A. cunha oferta cercana aos 28.000 euros, ive incluído.
A empresa prevé facer o traballo durante a Semana Santa comezando polo pavillón municipal, onde o xoves que vén se celebrará o tradicional Tetramaratón de San Sadurniño, e trasladándose despois ao campo de fútbol.