Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión adxudica por máis de 445.000 euros a mellora do firme en seis camiños de titularidade municipal


 

As obras serán executadas pola empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones con cargo ao remanente de tesourería

O Concello de Brión vén de formalizar o contrato para a mellora do firme de seis camiños de titularidade municipal, que será financiado con cargo ao remanente de tesourería. Un contrato licitado por un importe de 625.462,35 euros e que foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por 445.241,66 euros. As obras teñen un prazo máximo de execución de 90 días.

Un contrato de obras que permitirá o arranxo de 12,39 quilómetros de seis vías municipais, o que supón unha actuación sobre 65.229 m2. En todos os casos, dotarase a estas seis pistas dunha nova capa de rodadura de 5 centímetros de mestura bituminosa, previa reparación de fochancas e posterior limpeza de gabias. Ademais, o proxecto contempla a reposición da sinalización horizontal e vertical.

Detalle das obras

A actuación máis importante terá lugar no camiño de Mourentáns a Pousada de Abaixo, por Forxán, onde se colocará unha nova capa de rodadura nunha pista de algo máis de 4 quilómetros de longo por 5,5 metros de ancho. A mesma actuación terá lugar no camiño de A Igrexa a Vioxo, por Tourís (de 2,3 quilómetros de longo por 5 de ancho) e no camiño de San Salvador ata o límite municipal con Ames, polo Outeiro (de 2,6 quilómetros de longo por 5 de ancho). Nesta estrada, a maiores, reconstruiranse dous redutores de velocidade tipo “lombo de asno” coa correspondente sinalización horizontal.

Tamén se colocará unha nova capa de rodadura nos 1,5 km do camiño de Ons a Salaño Grande e nos 1.945 metros do camiño de Bemil a Soutullos, por Bastavaliños, onde o vial presenta anchos variables entre os 5,2 e os 6, 8 metros. Nesta última obra recuperarase a sección hidráulica dende a Igrexa de Soutullos e se reordenará a zona de aparcamento na contorna da igrexa.

Finalmente, o Concello de Brión acometerá un pequeno arranxo no entronque da rúa Fonte coa Avenida dos Ánxeles (AC-300). Trátase dunha actuación sobre unha superficie de 340 m2 que evitará os problemas que se producen neste punto. E é que se se asfalta, os vehículos patina; e se se opta por un firme rugoso, non dura moito tempo.