Friday 22 de November de 2024

Grupos de Navarra, Galicia e Illas Baleares integrarán o cartel do décimo quinto aniversario do Festival Kurrala Rock


Terá lugar o xoves 18 de abril en Corrubedo
O festival Kurrala Rock de Corrubedo cumprirá o vindeiro xoves 18 de abril o seu 15º aniversario cun cartel integrado por cinco grupos que o promotor do certame, Abdón Santos, deu a coñecer hoxe nunha presentación celebrada na Casa do Concello, que colabora na cita.

Acompañado do concellero de Turismo, o tamén corrubedano Antonio Freire, Santos desvelou un programa que estará composto por Los Iosu, de Illas Baleares; TNT Band, de Vilagarcía; Los No Te Vayas, de Navarra; los Barbansónicos, de A Pobra; e a banda riveirense Espazo en Branco.

Buses dende Riveira
Ao igual que o ano pasado, o festival celebrarase na carpa do restaurante Valverde. Contará cun escenario de 9×7 metros e un espectáculo de son e luz de primeiro nivel da man de Musieventos. As actuacións darán comezo ás 20 horas e a entrada é gratuíta. Haberá autobuses dende Santa Uxía ás 19.20 horas.

Abdón Santos agradeceu a colaboración do Concello, que dende que principiou fai uns anos se foi incrementando progresivamente, mentres que Antonio Freire lembrou que este evento está incluído ademais na programación conmemorativa dos once séculos de Corrubedo, unha parroquia que o edil convidou a visitar aos asistentes ao espectáculo.

Por último, ambos incidiron na importancia de usar os contedores para non enlixar.