A Casa da Cultura de Lousame acollerá este sábado 13 de abril, ás 12:00 horas, “Filipa cos contos”, un espectáculo infantil de 50 minutos de duración a cargo da compañía Bandullo Azul e Fran Campos. Unha sesión de contos, música, monicreques e humor para toda a familia que será de acceso libre e totalmente de balde.
“Filipa cos contos” mestura en escena monicreques e contos. Por unha banda, o actor Fran Campos contará distintas historias tradicionais ás que o seu monicreque Filipa lles dará un valor engadido: o da súa experiencia. Un espectáculo que mestura historias cantadas, xogos de palabras, contos cantados e contos tradicionais galegos canda outros doutras terras. Un espectáculo que busca que tanto nenos como maiores poidan desfrutar ao tempo que aprenden e reflexionan sobre as distintas visións dos contos populares.