Unión por Ordes, no seu primeiro ano de mandato deixou clara a importancia que o deporte tería nas súas políticas, xa que impulsou a creación da primeira Cidade Deportiva Vista Alegre de Ordes, instalación que utilizan máis de 200 nenos e nenas e as súas familias cada fin de semana, sendo a envexa de todos os clubes que nos visitan.
En Unión por Ordes impulsaremos campañas de promoción da práctica deportiva e exporemos o acceso universal á práctica deportiva como un dereito da veciñanza. Fomentaremos no municipio o deporte para todos e todas, sen ningún tipo de discriminación por razón de idade, sexo, condición física, social, cultural ou étnica. O concello poñerá a disposición bonos deportivos para familias e persoas con dificultades económicas.
Apoiaremos as actividades de lecer saudable, aproveitando ao máximo as oportunidades e a privilexiada contorna natural e xeográfica da nosa vila.
Implantaremos programas específicos de actividade nos centros de maiores e parques públicos.
Reforzaremos o asociacionismo e o voluntariado para favorecer o desenvolvemento deportivo e crearemos un Comité de Deportes, dependente da Concellería de Deportes, que poñerá en común os intereses das múltiples asociacións e clubes deportivos, axudándoos e facilitándolle o seu día a día.