O Concello de Lousame, en colaboración co Club Lousame Deporte, organiza este venres 12 de abril unhas xornadas formativas para conmemorar o Día Mundial da Saúde. Dúas charlas que terán lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura e que están abertas a toda a veciñanza, pois a entrada é libre e de balde ata completar aforo.
As xornadas incluirán dúas charlas. A primeira, titulada “Descobre por que as emocións nos enferman”, será impartida por Otilia Quireza, quen explicará cales son os motivos que nos fan pasar dun bo estado de saúde a outro de cansanzo e agotamento crónico. Unha charla recomendada para persoas que comezan o día sen enerxía, coa sensación de non ter descansado ben ou ás que calquera tarefa lles supón un gran esforzo. Otilia Quireza é doutora en menciña pola Universidade de Santiago de Compostela e se dedica a terapias naturais dende 1992.
A segunda charla, “Ferramentas de control parental para o bo uso das tecnoloxías actuais”, será impartida por Leandro Fernández, educador social e pedagogo. Unha charla que dará continuidade a outra impartida pola Garda Civil e que xerou moito interese na veciñanza sobre como controlar o acceso dos menores á Rede.
Esta charlas formativas pecharán o programa especial programado pola Concellería de Deportes lousamiá e o Club Lousame Deporte para conmemorar o Día Mundial da Saúde e o Día Mundial da Actividade Física, que comezaron a pasada semana coa iniciativa “Deporte á rúa”, na que a veciñanza tivo a ocasión de participar en dous obradoiros de iniciación ao parkour e ao skate, así como practicar baloncesto e fútbol sala.