O acto terá lugar este venres na librería Tango. Nel participarán a ilustradora e artista visual Nana, e Belén López, directora de Baía Edicións
A escritora Eli Ríos estará este vindeiro venres, 12 de abril, en Ordes presentando a súa obra ‘Remexido de patacas’. Un acto que terá lugar ás 20 horas na librería Tango, e no que tamén participarán a ilustradora e artista visual Nana; e Belén López, directora de Baía Edicións. Nada en Londres, Eli Ríos está moi vinculada a Ordes xa que parte dos seus primeiros anos de vida transcorreron neste municipio.
En Remexido de patacas, Eli Ríos mantense fiel á súa interpretación da actividade literaria como canle de compromiso, crítica e cambio social. O libro preséntase como unha “forma sa e saudable de emendar os hábitos aprendidos nesta sociedade”, avogando pola “eliminación das desigualdades nos costumes para comezar a sentir os beneficios tanto no lector ou lectora como na xente de arredor”. En palabras da autora “os ingredientes para isto son: equidade, empatía, sororidade e disidencia”. Todo isto require “unha elaboración nada sofisticada para poder cociñar as estadas necesarias que cambien as referencias que nos transmitiu a historia e que son incompatibles coa vida.
Remexido de patacas foi escollida no ano 2014 como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo.