Finalmente chegaron a Compostela. O grupo composto por unhas 130 persoas que ao longo dos últimos meses viñan completando o Camiño Portugués pola costa finalizaron este sábado o seu periplo aos pés da catedral de Santiago. Como manda a tradición, ao mediodía escoitaron a misa do peregrino, nesta ocasión na igrexa de San Francisco, debido ás obras que se están a realizar na nave catedralicia. Para celebrar o final desta experiencia todos e todas regresaron a Ordes, onde desfrutaron dun bo xantar nun dos restaurantes máis coñecidos da zona.