As vías obxecto destes traballos desenvólvense polos concellos da Coruña, Sada, Oleiros, Cambre ou Culleredo, entre outros
Un total de 14 empresas presentaron as súas ofertas para executar obras de mellora do firme en varias estradas autonómicas da área da Coruña por un investimento de case 750.000 euros.
Estes traballos licitados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de infraestruturas, teñen un prazo de execución duns catro meses aproximadamente, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.
Os traballos teñen como obxectivo rehabilitar a capa de rodadura naqueles treitos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento. Estas actuacións tamén se complementarán con traballos de reposición da sinalización horizontal.
O contrato contempla a reparación do firme na estrada Sada- Mera (AC-163), entre o p.q. 1+500 e o 5+350 e entre o p.q. 9+100 e 9+600, nos municipios de Sada e Oleiros; e na que conecta Espíritu Santo e Oleiros, entre o p.q. 0 e 0+600, no Concello de Sada.
Tamén se mellorará a capa de rodadura na estrada entre Guísamo e Sigrás (AC-214), entre o p.q. 1+850 e 8+540, en Cambre; e na vía San Pedro de Nós- Mabegondo (AC-221), no treito entre o p.q. 1+500 e 5+150, ao seu paso por Cambre e Oleiros.
Outra estrada que será obxecto destas obras de acondicionamento será a que une Sigrás e Muros (AC-400), ao seu paso polos municipios de Laracha, Cerceda e Culleredo.
Tamén se levarán a cabo estes traballos de reparación na estrada AC-415, no Concello da Coruña, e na vía que conecta A Coruña e Cee (AC-552), nos Concellos de Laracha e Carballo.