Esta actuación na vía libre de peaxe dá continuidade ao tramo xa en servizo e terá a súa continuidade nunha segunda fase, coa prolongación ata a autoestrada AP-9
Un total de 14 empresas veñen de presentar as súas ofertas para iniciar as obras da 1ª fase de prolongación da Vía Ártabra ata autoestrada AP-9, entre o enlace da N-VI e a estrada autonómica AC-221, San Pedro de Nós-Mabegondo, cun orzamento autonómico superior aos 29,6 millóns de euros.
Esta nova actuación nesta vía libre de peaxe dá continuidade ao tramo actual en servizo da Vía Ártabra entre o Castelo e estrada N-VI, e terá a súa continuidade nunha segunda fase, coa prolongación ata a autoestrada AP-9, que requirirá da autorización do Ministerio de Fomento.
Deste xeito, cómpre lembrar que esta licitación inclúe xa unha modificación do contrato para executar a segunda fase da obra e chegar ata a AP-9 en canto o Ministerio de Fomento autorice esa conexión, cun investimento total de 35 millóns de euros.
As obras a executar nesta 1ª fase de prolongación desta infraestrutura ata a conexión coa AC-221 contempla a execución do tronco da Vía Ártabra de aproximadamente 3 km de lonxitude, entre a N-VI e o novo enlace coa AC-221.
O proxecto construtivo prevé tamén o enlace de conexión da Vía Ártabra coa N-VI, para o que é preciso a remodelación do actual. Deste xeito, este novo enlace coa estrada de titularidade autonómica contará con tres niveis. No nivel actual executarase unha glorieta na que se conectarán os ramais de saída e entrada na vía Ártabra e na N-VI, de modo que a Vía Ártabra cruzará baixo a glorieta. E sobre a glorieta cruzará a N-VI, que discorrerá en viaduto con dous carrís por sentido nunha lonxitude de 1,2 Km.
As obras se completan co enlace coa AC-221 e conexión có Polígono de Espírito Santo. Aquí executarase unha glorieta sobre a que cruzará a nova autovía mediante un viaduto, e desde a glorieta se accederá á estrada AC-221 e ao polígono industrial mediante un novo vial de 1,1 km cun carril por sentido.
A Vía Ártabra é un vial estratéxico para a Xunta de Galicia definido no Plan Sectorial da Rede viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros, cuxos obxectivos son lograr mellorar as comunicacións na área da Coruña e articular unha vía transversal para facilitar os tráficos de entrada á cidade a través da N-VI e AP-9.