Friday 22 de November de 2024

Fabiola García defende dar máis visibilidade ás persoas con dano cerebral adquirido para avanzar na mellora do seu benestar


Avoga por continuar co traballo conxunto coas entidades para ofrecer mellores servizos e achegar solucións ante unha realidade que afecta a preto de 40.000 galegas e galegos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avogou hoxe por dar maior visibilidade e avanzar na mellora do benestar das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e das súas familias. Fíxoo na inauguración das terceiras xornadas sobre esta doenza que organiza a Fundación María José Jove e a Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña (Adaceco).

Durante a súa intervención, Fabiola García salientou a importancia que teñen este tipo de encontros para poñer en común experiencias e concienciar á poboación en xeral sobre unha realidade que afecta a preto de 40.000 galegas e galegos. Neste sentido, sinalou que o DCA chega de maneira repentina e cambia a vida non soamente das persoas afectadas senón de toda a familia, polo que reiterou o compromiso da Xunta para que sempre estean apoiadas e teñan as súas necesidades cubertas.

A conselleira tamén garantiu o apoio ás entidades sociais que traballan ao carón das persoas con DCA a pé de campo e os 365 días do ano, co obxectivo de traballar para ofrecer os mellores servizos, tanto no eido da saúde como no campo das políticas sociais. Nesta liña, marcou como obxectivo prioritario a mellora da calidade de vida destas persoas e achegar solucións que lles fagan o día a día máis sinxelo.