Saturday 16 de November de 2024

Gran final A4 para os alevíns e xuvenís do A.C. Órdenes


 

Esta fin de semana ambas as aliñacións trasladaranse ata Cambre para disputar os encontros no pavillón Os Campóns

Dende o Concello de Ordes anímase a todos e todas a asistir aos encontros das finais A4 que os alevíns (primeira división autonómica) e xuvenís (liga autonómica) do A.C. Órdenes disputarán esta fin de semana no pavillón Os Campóns, na localidade coruñesa de Cambre. Os partidos de semifinais terán lugar o sábado, día 6. No caso dos xuvenís será ás 10 horas contra o Compañía de María A. O CH Compostela A e o Club AA Dominicos completan o cadro de participantes. O partido dos alevíns dará comezo ás 13 horas, encontro no que medirán forzas contra o Club AA Dominicos. Os restantes equipos clasificados para esta rolda son o CH Compostela A e o HC Liceo.
Por outra banda, o domingo, día 7, serán as finais. As de consolación terán lugar ás 16 e 18.30 horas, mentres que os partidos nos que se decidirán os vencedores absolutos darán comezo ás 17.15 e 20 horas segundo sexan os alevíns ou os xuvenís respectivamente.