Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño recibe 30 solicitudes de praza na EIM A Rolada


De confirmarse todas as peticións só quedarían vacantes na aula de 0 a 1 ano e na de 1 a 2. Na das nenas e nenos de 2 a 3 hai máis solicitudes que prazas dispoñibles

 

O pasado 1 de abril finalizou o segundo período de solicitude de praza na EIM A Rolada, destinado a recoller aquelas peticións formuladas por familias que non teñen crianzas no centro durante o presente curso. O reconto final -sumándolle as reservas feitas na primeira quincena de marzo- dá como resultado que para o curso 2019-20 se solicitou praza para un total de 30 nenas e nenos, co que o centro só disporía de 9 vacantes, sempre e cando se admitan todas as instancias presentadas e sempre que despois as familias admitidas formalicen a matrícula. O dato supón un leve incremento con respecto ao ano pasado, cando se rexistraran 27 solicitudes.

A EIM A Rolada ten capacidade para atender 38 nenas e nenos de entre 3 meses e 3 anos de idade. Estas prazas distribúense por aulas do seguinte xeito: 8 para as criaturas máis noviñas, 13 para as que están entre 1 e 2 anos e as 17 restantes para acoller cativería de 2 a 3 anos.

As prazas ocúpanse en dúas quendas de solicitude, a primeira para familias con rapazada xa matriculada e a segunda -a que rematou o luns- para a incorporación de novo alumnado en calquera dos tres cursos na medida en que haxa vacantes trala reserva.

Ao peche de ambos períodos -o de reserva e o de novo ingreso- no Concello rexistráronse 30 solicitudes con distintos niveis de demanda dependendo dos cursos. Así, para meniños e meniñas de 0-1 ano só houbo unha petición, co que a aula aínda pode ofertar alomenos 7 prazas. Na unidade de 1 a 2 anos houbo tres solicitudes de reserva e 8 de novo ingreso, de maneira que a EIM disporía aínda de 2 prazas vacantes na segunda etapa do centro.

O maior número de peticións produciuse para a aula de 2 a 3 anos, onde se rexistraron 18 peticións, das que 13 son de reserva e 5 son novas. A cifra supón unha solicitude a maiores das 17 prazas dispoñibles, polo que o Concello recorrerá aos criterios previstos no regulamento para asignar esas catro prazas dispoñibles de novo ingreso.

Con todo, os números non son definitivos, dado que, unha vez publicada a relación provisional de alumnado admitido e excluído, haberá un período de reclamacións de 10 días. Trala resolución abrirá un segundo prazo de 15 días naturais para confirmar e formalizar a matrícula. No momento en que se cumpra ese último período saberase o número total de vacantes para o próximo curso, que xa se poderán ir cubrindo en calquera momento segundo se vaian solicitando.