Haberá obradoiros de parkour e skate, así como xogos de baloncesto e fútbol sala abertos a toda a veciñanza
O Concello de Lousame conmemorará este domingo 7 de abril, de 11:00 a 13:00 horas, o Día Mundial da actividade física con “Deporte á rúa”, unha iniciativa que inclúe un amplo programa de actividades deportivas e de ocio organizadas pola Concellería de Deportes lousamiá en colaboración co Club Lousame Deporte. A participación, totalmente libre e de balde, está aberta a toda a veciñanza, independentemente da súa idade e condición física, se ben algunhas das modalidades están especialmente pensadas para a mocidade.
Un programa de actividades que se desenvolverá de 11:00 a 13:00 horas na praza Teodomiro Hidalgo, polo que durante esta fin de semana non se poderá aparcar nela (o sábado por mor do Ralli de Noia e o domingo por mor destas actividades). Na praza instalaranse un parque móbil para a práctica de skate e parkour, así como dúas canchas de baloncesto e de fútbol sala, que estarán abertas para o seu uso pola veciñanza.
Así mesmo, Vella Escola impartirá dous obradoiros de iniciación ao parkour e ao skate abertos e gratuítos para os que se acheguen por Lousame. Pola súa banda, os responsables da Escola Municipal de Baloncesto de Lousame e o CB Porto do Son encargaranse dunha sesión de “street basket”; mentres que os técnicos de Deportes do Concello de Lousame encargaranse de organizar os partidos de fútbol sala.
En caso de mal tempo, a actividade trasladaríase ao polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, na Silva.