Complementará o programa cunha excursión de pago a Santiago e un contacontos musical gratuíto con Pakolas e Laura Romero
O Concello de Frades vén de presentar o seu programa especial de actividades para esta Semana Santa, dirixidas a facilitar a conciliación familiar da veciñanza durante os días de vacacións escolares. Así, do 15 ao 17 de abril terá lugar un campamento matutino gratuíto, así como un contacontos musical para a tarde do mércores e unha excursión a Santiago de Compostela para a xornada do martes 16, única actividade de pago. En todos os casos é preciso que as persoas interesadas en participar se inscriban no Concello de Frades ou chamando ao 981 695 567 ou 981 695 663.
O campamento de conciliación de Semana Santa terá lugar no multiúsos de Frades os días 15, 16 e 17 de abril, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Trátase dunha actividade gratuíta e dirixida a nenos e nenas a partir dos catro anos, que desfrutarán de diversos xogos e obradoiros. O número de prazas é limitado, polo que as asignacións realizaranse por rigorosa orde de inscrición. O prazo de anotación remata o venres 12 de abril. Unha actividade organizada polo Concello de Frades e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
Actividades paralelas
A maiores, o Concello de Frades ten programadas outras dúas actividades paralelas. A primeira será unha excursión a Santiago de Compostela o martes 16 de abril, con saída do Concello ás 10:00 horas, que inclúe unha visita ao recentemente estreado parque de saltos en camas elásticas Urban Planet (Área Central) e un percorrido polo Museo de Historia Natural, previo xantar en Compostela.
O prezo da actividade, xantar incluído, é de 18 euros para persoas empadroadas e de 22 euros para non empadroadas, sempre que se inscriban no Concello antes do 10 de abril. As crianzas menores de 12 anos deberán ir acompañadas dunha persoa adulta, mentres que para a mocidade de entre 12 e 18 anos bastará cunha autorización asinada pola súa familia ou titores.
Finalmente, o mércores 17 de abril, ás 16:30 horas, o multiúsos de Frades acollerá “Cores, contos e Rock´n´Roll”, un espectáculo que combina música e contacontos da man de Pakolas e Laura Romero. Unha actuación completamente interactiva na que Pakolas porá a música mentres que Laura Romero contará contos e historias facendo debuxos en directo. O Concello de Frades porá unha merenda con chocolate para todas as persoas asistentes.
A actividade é totalmente gratuíta, se ben por razóns de organización é preciso anotarse no Concello de Frades antes do 12 de abril. As crianzas menores de 4 anos deberán ir acompañadas dunha persoa adulta. Unha actividade organizada polo Concello de Frades, que conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.