Durante os próximos días terá lugar un simulacro no que a rapazada deberá evacuar o centro nun máximo de 8 minutos
O xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, e a concelleira de Protección Civil, Ángela Neri, veñen de impartir no IES Campo de San Alberto a primeira das charlas sobre seguridade e simulacros de evacuación que terán lugar en todos os centros escolares do municipio ao longo dos próximos meses. Tres primeiras charlas nas que se informou ao alumnado de como colocarse para evacuar as aulas, se proxectou un vídeo sobre o plan de evacuación do centro e se respondeu ás preguntas do alumnado.
“Os nenos e nenas amosaron moito interese polas ensinanzas e preguntaron moito polas razóns que xustificaban medidas como por que é preciso pechar as portas e fiestras ou por que hai que ir pegado á parede cando se pode ir polo medio do pasillo, incluso os máis pequenos preguntaban por que non saltar polas fiestras dende o primeiro piso. Unha vez que se lles explicaban as razóns, comprenderon e seguiron os consellos achegados”, explica Ángela Neri.
Así, por exemplo, a xustificación de pechar as portas e fiestras é para reducir o osíxeno do que se alimenta o lume, mentres que a razón de ir pegado ás paredes é para evitar perderse no caso de que haxa moito fume e tamén para que cada unha das clases se desprace por cada lateral do pasillo, evitando así tropezóns entre o alumnado. “Fixemos ensaios nas clases, onde se escolleu un delegado para guiar aos seus compañeiros e que saian uns por cada lado e en orde”, apunta a concelleira noiesa.
Simulacro
Unha vez impartida a formación, nos próximos días terá lugar un simulacro de evacuación do IES Campo de San Alberto por mor dun suposto lume. O alumnado descoñecerá a data exacta do simulacro, para que as súas reaccións sexan máis espontáneas. “O obxectivo é que todo o alumnado estea concentrado no patio do IES nun máximo de 8 minutos, contando cunha media de 3 minutos para evacuar cada planta”, sinala Ángela Neri.
Unha vez rematado o simulacro no IES Campo de San Alberto, a intención do Concello de Noia é levar estas charlas ao resto de centros educativos do municipio.