A conselleira de Medio Ambiente subliña a importancia dos espazos protexidos como iconas da comunidade cun gran potencial turístico, económico e social
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou esta mañá a importancia de potenciar en Galicia un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente como unha das ferramentas máis efectivas para garantir a súa protección a longo prazo. Así o resaltou no transcurso dunhas xornadas organizadas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) sobre ecoturismo en espazos naturais protexidos, nas que tivo ocasión de defender o valor incalculable do patrimonio natural galego e o seu potencial turístico.
A aposta da Xunta por dar a coñecer os recursos naturais de Galicia dentro e fóra do país e fomentar o chamado ecoturismo materializouse nos últimos anos, segundo explicou a conselleira, nunha serie de medidas e accións dirixidas a poñer en valor os principais referentes da comunidade desde o punto de vista da natureza.
Concretamente, Vázquez Mejuto referiuse ao primeiro Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia 2016-2020, cun orzamento de aproximadamente catro millóns de euros e grazas ao cal identificáronse 17 espazos imán na comunidade. Estas zonas caracterízanse polo seu alto valor patrimonial e tamén pola súa popularidade tanto entre os galegos como entre as persoas que se visitan, polo que en opinión da conselleira deben ser utilizados como elementos de atracción cara a outros espazos naturais.
Así mesmo, tamén se referiu á creación da Rede de Parques Naturais de Galicia, un instrumento para coordinar as actuacións nos seis espazos que contan con esta figura de máxima protección na comunidade e no Parque Nacional das Illas Atlánticas, e que se apoia para a súa promoción nas novas tecnoloxías. Deste xeito, recordou a recente posta en marcha da web da rede de parques e dunha App para móbiles nas que se ofrece aos visitantes todo tipo de información, tanto sobre estes espazos como dos recursos dispoñibles nos concellos das súas áreas de influencia.
Toda esta xestión, engadiu Ángeles Vázquez, vai unida á programación anual dunha serie de actividades e experiencias sostibles que teñen como escenario os principais referentes do patrimonio natural galego co fin de aproveitar as súas potencialidades. En concreto, salientou o programa Starlight no Parque Nacional das Illas Atlánticas, un sistema de certificación turística internacional que busca protexer os ceos nocturnos mellor conservados do mundo fronte á contaminación luminosa, á vez que se compatibiliza o seu coidado co fomento dun turismo científico e ecosostible centrado na potenciación destes valores naturais.
Do mesmo xeito, tamén se referiu ao conxunto de paquetes ecoturísticos que se están a desenvolver, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, nos outros seis parques que hai na comunidade. As chamadas Experiencias Naturais buscan o desenvolvemento conxunto de actividades de fomento do uso público e turístico destes espazos coa creación de paquetes pechados de servizos e actividades deportivas na contorna de cada parque.
“Queremos compatibilizar o desfrute destes espazos e o seu coñecemento coa súa protección e conservación. Apostando por un turismo responsable e sostible e situando a Galicia como referente en canto á xestión ordenada dos mesmos”, resumiu a conselleira, que considerou que canto máis se coñece e valora un espazo natural, “máis fácil” resulta garantir o seu coidado e protección.
Xestión ordenada e controis de acceso
Por último, a conselleira de Medio Ambiente subliñou durante a súa intervención que outra forma de poñer en valor o patrimonio natural de Galicia é dotando aos seus espazos protexidos dos correspondentes documentos de xestión e regulación. Neste sentido, referiuse ao importante pulo que nos últimos meses se lle ten dado desde a Consellería aos Plan Reitores de Uso e Xestión dos seis parques naturais e, particularmente, ao do Parque Nacional das Illas Atlánticas, documento que entrou en vigor este mesmo ano.
Nesta liña, enmarcou tamén a decisión da Xunta de establecer unha xestión ordenada das visitas nalgúns destes espazos. Así, referiuse ao caso concreto do monumento natural das Catedrais, en Ribadeo, onde desde o ano 2015 limítase o número de visitantes a 4.812 persoas nos períodos de máxima afluencia grazas a un sistema de autorización previa que funcionou moi ben desde o primeiro momento.
De feito, a conselleira explicou que, coa mesma filosofía e seguindo o exemplo de Catedrais, o ano pasado implantouse un sistema similar para poder viaxar ao parque nacional, en virtude do cal as persoas interesadas en visitar as illas en períodos como a Semana Santa e os meses de verán deben previamente tramitar ante a Xunta unha autorización de visita e acreditar que dispón da mesma no momento de comprar o correspondente billete.