Volve o grande clásico deportivo do día de Xoves Santo: o Tetramaratón de San Sadurniño. Unha competición por equipos que se disputa xogando a catro disciplinas distintas -volei, fútbol sala, baloncesto e hóckey- onde gana quen sexa capaz de render ao máximo desde primeira hora da mañá ata ben entrada a tarde. O X Tetramaratón disputarase na mañá do xoves 18 de abril e as inscricións xa poden facerse na Casa da Cultura ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal remitíndolle cuberta a correspondente ficha, descargable desde esta ligazón. O prazo para apuntarse remata o 15 de abril.
Os encontros comezarán ás 9.30h. no pavillón municipal, que por segundo ano consecutivo concentrará no mesmo recinto todas as disciplinas. Facelo así obedece á necesidade de minimizar os tempos de cambio de deporte, aínda que tamén se busca que a chuvia non sexa problema.
Haberá catro deportes -volei, fútbol sala, baloncesto e hóckey herba- adaptados a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que poderán ser mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores/xogadoras e un máximo de seis. O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o dobre.
No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.
Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.
As inscricións son obrigatorias e poderán facerse ata o luns 15 de abril entregando na Casa da Cultura a folla correspondente en horario de 9.30 a 14.00 horas. Outra opción é enviala cuberta ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A participación é gratuíta e haberá trofeos para o primeiro e segundo clasificados, así como para o equipo que mostre un xogo máis limpo. Todas as persoas participantes levarán tamén unha camiseta como agasallo.
O X Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica da Deputación da Coruña.