Saturday 16 de November de 2024

Touro foi hoxe a capital galega do teatro escolar


 

A aldea de Brandelos e a Casa de Cultura de Touro foron o escenario do IX Festival Galego de Teatro Escolar de Touro no que participaron máis de 200 actores e actrices das aulas de teatro de Touro, Laxe, Compostela, Palas de Rei e A Estrada

O Concello de Touro foi por un día capital galega do teatro escolar. A aldea de Brandelos e a Casa de Cultura de Fonte Díaz acolleron o IX Festival Galego de Teatro Escolar de Touro. Centos de persoas participaron nunha asollada xornada teatral organizada pola ANPA do CPI de Touro e que contou coa colaboración do Concello de Touro, o grupo As Nenas do Sapo Dourado, Loxo; a Asociación Cultural A Pinguela de Bama e a Banda de Música Isabel II de Touro. Nesta fermosa xornada cultural participou numeroso público e máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Laxe, Compostela, Palas de Rei e A Estrada).

A xornada comenzou cun roteiro teatral, musical e poético ás 11:00 horas na aldea de Brandelos, que estivo protagonizado polo alumnado do CPI de Touro e polos grupos As nenas do Sapo Dourado, A Pinguela de Bama e nais do alumnado. Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e tivo como obxectivos achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelacionar persoas de diferentes idades e localidades, aproximar o alumnado ao mundo rural e potenciar a súa posta en valor. O roteiro desenvolveuse pola beira do río Brandelos e o escenario foron os edificios característicos e o entorno natural: os baños de Brandelos, as fontes, a capela, a natureza…

Ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Touro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Escola Municipal de Teatro de Laxe, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, Avelaíñas Teatro e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas puxeron en escena o espectáculo Vogando nos contos. Trátouse dun espectáculo de creación colectiva que se vertebrou sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade, o respecto… Este traballo de máis douscentos actores e actrices amosau, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; puxo de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser humano e revindicou o valor do desenvolvemento de proxectos educativo colectivos…

Vogando nos soños foi, ademais, unha viaxe ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da creatividade que ilumina un camiño de marabillas que nos permite poñer ás e voar. Actrices e actores sobre un escenario onde habita unha utopía que, paseniñamente, se transforma en realidade, grazas ao traballo cooperativo de todo o grupo e que alimenta as raíces e os anceios de compartir a certeza de que a liberdade só é posible cando nos atrevemos a soñar un mundo máis xusto e libre. Máis feliz. Máis humano. Trátouse, pois, dun espectáculo que alentou o desfrute dos sentidos converténdoos en ferramenta subversiva que contribúe a cambiar o mundo. Voa, se queres. Constrúe o teu paraíso. Nós imaxinamos o noso. Un mundo que baila, que soña, que vibra… todo para ti! Arriba o pano!

Como peche a este espectáculo actuou a Banda de Música Isabel II de Touro. Este Festival permitiu que o alumnado das cinco aulas de teatro interactuase e propiciou que amosase o traballo realizado durante o curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2018/19 nas cinco localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 8 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Compostela, A Estrada, Laxe, Bologna, Florencia e Pisa.