Saturday 16 de November de 2024

Ordes acollerá este domingo o espectáculo familiar ‘A cantar con María Fumaça’


Trátase dunha representación musical protagonizada pola cantante Uxía, que estará acompañada de Santiago Cribeiro e Héctor Lorenzo

O vindeiro domingo ás 19 horas a casa da Cultura de Ordes acollerá a representación do espectáculo ‘A cantar con María Fumaça’. Un musical para nenos e adultos no que participan a cantante Uxía, que estará acompañada por Santiago Cribeiro (acordeón) e por Héctor Lorenzo (guitarra e voz).
‘A cantar con María Fumaça’ nace como unha idea de Uxía para agasallar a Ruí, o seu afillado, o cal presenta unha discapacidade. As cancións que cada Nadal se cantaban cada ano para Ruí, por parte de Uxía e outros amigos artistas e músicos, é a base na que se inspira ‘A cantar con María Fumaça’. A través del e durante unha hora ponse de manifesto que a diferenza pode vivirse con normalidade e que amplía horizontes. Todo iso cun contaxio xeral de alegría e musicalidade.
A dita convocatoria englóbase dentro do programa Nadal en Rede, promovido pola Rede de Dinamización Lingüística a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e conta coa colaboración do Concello de Ordes.