Severino Barreiro Pérez, presidente do Noia Fútbol Sala, recibe o recoñecemento a toda unha vida deportiva
Máis de 350 persoas ateigaron na noite de onte venres o Coliseo Noela para asistiren á Gala do Deporte do Concello de Noia, presentada por Terio Carrera e Diego Viaño, e que distinguiu aos 11 mellores deportistas e clubs deportivos durante o ano 2018. O presidente do Noia Fútbol Sala, Severino Barreiro Pérez, levou o gran premio da xornada: o recoñecemento a toda unha vida deportiva; mentes que dous deportistas do Club ITF Noia, Paula Blanco Pro e Martín Iglesias Rial, foron distinguidos como os mellores deportistas de Noia no 2018.
O alcalde de Noia, Santiago Freire, felicitou “a todas as persoas finalistas e tamén a moitas outras que foron nominadas e que merecen tamén este premio. Seguramente serán galardoadas en vindeiras edicións”. Porén, fixo unha mención especial a Ramón Andrés Pérez, Alba Castro Molero e José Barrio Guldrís porque “se todo deporte require sacrificio, esforzo e a máxima implicación, máis dificultade aínda teñen os que practican deporte adaptado polo que Pepe, Ramón e Alba se merecen un aplauso especial”. Así mesmo, tivo palabras de lembranza non só para os deportistas, senón tamén para adestradores, corpo directivo… “sentímonos moi orgullos de todos eles e esta Gala é un recoñecemento o mérito e ao seu traballo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Ramón Santos, agradeceu o traballo realizado por todos os integrantes da Concellería de Deportes e amosou a súa satisfacción por esta Gala do Deporte, “un recoñecemento ao traballo diario dos e das nosas deportistas e clubs de Noia que espero que teña continuidade nos próximos anos”.
Premiados
Severino Barreiro Pérez, presidente do Noia Fútbol Sala, recibiu o Recoñecemento a toda unha vida deportiva. Severino lembrou os seus inicios como porteiro “sempre buscaban un segundo porteiro fóra pero, despois do segundo partido, sempre xogaba Severo” e recoñeceu entre bromas que “era bastante guerrilleiro e moi falador”, apuntando que o campo noiés “era o máis lameiro”. Despois repasou a súa etapa no fútbol sala, “metíanmas todas, claro, ía coas mans cando os porteiros de fútbol sala xogan máis cos pes. E tiven que deixalo para xogar de pivot adiante” . Como presidente do Noia Fútbol Sala agradeceu o traballo que están facendo todos os integrantes do club.
Paula Blanco Pro, do Club ITF Noia, recibiu o premio á mellor deportista feminina de 2018, onde foi campioa galega en varias modalidade e subcampioa de España. Paula Blanco explicou que “soño todos os días con ser olímpica” e falou dos seus próximos desafíos: “temos o campionato galego para clasificar para o nacional e, a finais de agosto, o mundial”. O seu compañeiro de club, Martín Iglesias Rial, logrou o premio ao mellor deportista masculino de 2018, e explicou que “ao ser olímpico, gustaríame chegar ao mundial en agosto”. Apuntou que adestra “dúas horas diarias cinco ou seis días á semana”.
O premio á mellor promesa feminina recaeu na taekwondista Vanessa Roo Ferrer, cuxo premio foi recollido polo seu pai e nai xa que se atopa de viaxe en Roma co colexio. O ano pasado, Vanessa foi praza no Open de Holanda, campioa do XVI Open Garriko Arrigorriaga e vén de participar no Campionato de Europa. O galardón á mellor promesa masculina foi para Caetano Horta Pombo, remeiro do Club do Mar de Noia, que esta mesma semana entrou a formar parte do equipo nacional xuvenil da Federación Española de Remo e se proclamou campión de España en Skiff Xuvenil Masculino. Caetano explicou que “eu era moteiro pero meteuse polo medio o remo”, indicando que “este ano o meu obxectivo será o Campionato do Mundo, pero empezaremos indo ao Campionato de Europa”.
O premio ao mellor evento de Noia no 2018 recaeu no Ralli de Noia, que foi recollido por Javier Rodríguez, presidente da Escudería Berberecho. Rodríguez desexou que a próxima edición “saia como está saíndo todos estes anos. A xente vaise concienciando e vainos facendo caso” e adiantou que “para o ano que vén imos intentar ser proba do Campionato Nacional, pero está duro”. Pola súa banda, o Noia Fútbol Sala fíxose co premio ao mellor club de Noia. O premio foi recollido por Javier Barreiro, director deportivo e secretario do club, quen se amosou confiando no futuro: “o sábado pasado no descanso tiñámolo todo perdido pero o equipo sacou a súa casta e sacámolo adiante. Xogamos agora un partido importante en Tenerife e se o sacamos, teremos moitas oportunidades porque os andaluces sempre se nos deron ben no pobo”. Finalmente, o mellor equipo feminino foi o Voleibol Noia Xuvenil; mentres que o mellor equipo masculino recaeu no Equipo Sénior de Tenis de Mesa.
Ezequiel Mosquera, padriño
Todos os premios foron entregados polo alcalde e o concelleiro de Deportes de Noia, coa excepción dos dous primeiros da noite, que foron entregados polo padriño da Gala do Deporte, o ciclista Ezequiel Mosquera. Así, Ramón Andrés Pérez foi elixido mellor deportista de Noia na modalidade de deporte adaptado, onde en 2018 conquistou dous ouros e dúas pratas a nivel nacional. Recoñeceu que “o que máis me gusta é correr”, indicando que os seus próximos obxectivos son “o galego de pista e o campionato de España de pista, polo que para o próximo ano volvo estar por aquí”, bromeou.
José María Salanova, do club Maniotas de Noia, conseguiu o premio ao mellor técnico ou directivo de Noia. Explicou que o club “a día de hoxe ten 150 licencias, traballamos dende a base ata alto nivel” e indicou que este premio “redondea un pouquiño a temporada pois este ano cumprimos os 25 anos do club”.
Recoñecementos especiais
Os momentos máis emotivos da noite foron os dous recoñecementos especiais entregados a José Antelo, pivot noiés e capitán do do UCAM Murcia que hai un par de días anunciou a súa retirada do baloncesto a causa dunha lesión (e que non estivo presente); e Javier Freijo, como recoñecemento ao labor que fai colaborando con todos os deportes. Un premio que foi o máis aplaudido da noite, coas máis de 350 persoas que ateigaban o Coliseo Noela postos en pé para ovacionar a un emocionado Javier. Javier Freijo explicou que “me gusta todo o deporte, non fago distincións: se é rali, rali; se é fútbol, fútbol, se é baloncesto, baloncesto… o que toca. No rali levántome ás 5:30 da mañá para ir a un tramo”.
Os premiados levaron un diploma e unha insignia do escudo do Concello de Noia, obra do artesán Fernando Gallego. O acto contou con tres espectaculares actuacións musicais a cargo da Escola Datacenter Gala:
– Actuación de claqué “Herman´s Habit”, primeiro premio por unanimidade do xurado na primeira fase da zona norte do Concurso ANAPRODE.
– Actuación de jazz-dance “Human”, primeiro premio con felicitación do xurado e coa máxima puntuación na primeira fase da zona norte do Concurso ANAPRODE.
– Actuación de break dance a cargo de Sergio Perol Bernárdez, campión de Galicia de break dance e profesor na escola.