O portavoz do Grupo Municipal do BNG e candidato á alcaldía de Fene, Juventino Trigo, informou esta mañá do estado de execución de varios proxectos de obras que, segundo asegurou, “están paralizados á espera de que se aproximen máis as eleccións xerais e municipais”. O candidato detallou que hai alomenos 8 programas pertencentes na súa maioría ao POS+ 2018 “que deberían terse executado ou polo menos ter comezado”. Trigo cuantificou en algo máis de 863.000 euros o montante total das licitacións das obras que aínda están pendentes de facerse e cualificou a demora como “unha burla á cidadanía, que agarda que os traballos vaian adiante o antes posible porque todos se refiren a servizos moi necesarios”.
Na relación de proxectos pendentes que o bipartito encabezado por Gumersindo Galego “está retrasando de forma vergoñenta”, Juventino Trigo enumerou o caso da reparación das rúas Peirao e Hortelá, en Perlío, orzamentadas inicialmente en 101.628 euros, ademais doutras actuacións na mellora viaria como o aglomerado da Rúa Xunqueira e o arranxo do lado esquerdo das beirarrúas de Marqués de Figueroa, en Perlío, cun importe total de licitación de 94.827 euros.
No tocante a infraestruturas de abastecemento e saneamento, Trigo lembrou que o actual goberno municipal “aínda non deu orde de comezar ou, mellor dito, deu orde de que non se comezase polo momento” coas obras entre o Coto Pequeno e A Penela, en Limodre, nin tampouco coa renovación das tubaxes soterradas na confluencia da Avenida das Pías, Marqués de Figueroa e o Camiño do Sartego. Os proxectos en Limodre e no centro urbano ascenden a 80.019 e 142.032 euros respectivamente.
O candidato nacionalista denunciou, ademais, o “retraso inxustificado” das obras ao longo do Camiño do Sartego, que prevén a substitución das antigas canalizacións soterradas, a instalación de novas arquetas e a reposición do firme con aglomerado. Na mesma intervención tamén se aproveitará para reparar por completo a rúa Fontenova, que une a vía do Sartego coa Casa da Cultura. “Son 129.591 euros de investimento, resultado dun convenio que nós acordamos coa Deputación da Coruña hai case dous anos. Antes da moción de censura todo quedou encamiñado e ata o momento non sabemos nada, xa que o actual goberno tampouco é moi dado a facilitarlle información á oposición”.
Outras obras pendentes
A enumeración de Juventino Trigo dos proxectos “paralizados a mantenta” abrangue tamén actuacións relacionadas coa accesibilidade e coa mellora de espazos públicos. Así, estarían agardando o comezo a reforma da polideportiva de San Valentín -licitada en 76.723€- e a reurbanización dos Bloques II e V, xunto co reforzo da Avenida da Cooperación, principal eixo interior do barrio máis populoso de Fene. Neste caso as obras están cuantificadas nos pregos en 170.627 euros.
Por último, Trigo tamén citou o programa de mellora conxunta dos parques infantís da Xunqueira, Río Cádavo, Barallobre e Curros Enríquez (en Maniños) “que tamén lles deixamos preparados e que aínda non están feitos”. A contía dos traballos reflectida na licitación ascende a algo máis de 68.000 euros.
“Burla á cidadanía”
O portavoz do BNG no Concello criticou con dureza a tardanza en levar a cabo todos estes proxectos por parte do PP e Somos Fene. “Isto non é resultado unicamente da súa incompetencia xestora, senón que obedece a unha estratexia electoralista premeditada. Sabemos que estas obras están paralizadas á espera de que se aproximen máis as eleccións xerais e municipais. Queren dar a última hora e ás présas a imaxe dun goberno que traballa, cando a realidade é que o único que fixeron no último ano foi vender fume”.
Juventino Trigo insistiu varias veces en que as obras “deberían terse executado ou polo menos ter comezado. O goberno do BNG e EU deixoulles os proxectos preparados e incluso en proceso de licitación, por iso non hai xustificación posible a tanto retraso, a non ser cunha finalidade electoralista”. “Para nós é unha auténtica burla á cidadanía -proseguiu Trigo-, a xente está agardando a que os traballos vaian adiante o antes posible porque todos se refiren a servizos moi necesarios”.
Agás o do Camiño do Sartego, todos os outros proxectos foron aprobados o 19 de decembro de 2017 nun pleno convocado para ratificar o reparto dos fondos provinciais do PAI, do Plan Complementario e do POS 2018. O promotor de todos eles foi o equipo de goberno formado polo BNG e EU. O programa saiu adiante cos votos dos cinco edís do executivo local e tres votos máis -un por cada grupo da oposición-, mentres que os 9 concelleiros e concelleiras restantes se abstiveron.