A Mancomunidade de Ordes colabora na organización desta terceira edición, a cal se desenvolverá do 14 ao 17 de abril nas instalacións de Vista Alegre. Dende hoxe xa se poden inscribir os nenos e nenas interesados de 6 a 14 anos. Este ano como novidade tamén haberá escola de porteiros
O Dépor Campus terá na comarca de Ordes a súa terceira edición. Concretamente desenvolverase do 14 ao 17 de abril coincidindo co período de vacacións de Semana Santa. O horario irá dende as 10 a 14 horas e o lugar no que se levará a cabo será, un ano máis, o campo de Vista Alegre. Coma en ocasións anteriores está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. O campus futbolístico organizado polo R.C. Deportivo da Coruña foi presentado oficialmente esta tarde en Ordes por Ana Soneira, concelleira de Deportes do Concello de Ordes; Pablo Barroso, director do Dépor Campus; e Toño Vázquez, presidente da S.D. Club Órdenes.
A mecánica do Dépor Campus baséase na aplicación do chamado método Dépor. Como novidade nesta ocasión no plan de adestramento e aprendizaxe incluirase a chamada escola de porteiros. Entre os obxectivos están os de aprender habilidades e conceptos en relación co corpo, co balón e co opoñente (1×1); aspectos coordinativos; traballar a fase de coordinación entre xogadores (2×1); competir e desfrutar con partidos (3×3, 5×5, 7×7); ademais de transmitir os valores que representa o club: respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade. Todos estes coñecementos e técnicas serán impartidos por profesionais do club herculino, apoiados por técnicos da S.D. Club Órdenes. Os contextos de ensinanza dos que farán uso serán: circuítos coordinativos, xogos de relación co balón, situacións básicas de aprendizaxe (1×1, 2×2, 3×3), rondos básicos e posicionais, xogos de posición, partidos reducidos e minipartidos, e xogo real englobado en competicións e ligas internas.
Inscricións
As inscricións xa se poden realizar ata o 11 de abril a través do enlace http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/ordes-2019/inscribete. O prezo é de 75 € ou de 65 € se se aplica o desconto ao que teñen dereito xogadores, socios e accionistas do R.C. Deportivo; xogadores da S.D. Órdenes; as familias numerosas, as que teñan máis dun membro en paro ou as que inscriban máis dun fillo.
Cada xogador recibirá o debido equipamento, merenda diaria, entradas para encontros no estadio de Riazor, material deportivo, ademais de entrar en distintos sorteos e ter seguro de accidente deportivo no que dura o programa.
Aquelas persoas que precisen máis información poden visitar a páxina web http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/ordes-2019/inicio. Tamén poden chamar ao teléfono 981259500 ou ben enviar un correo electrónico a deporcampus@rcdeportivo.es