San Sadurniño é un dos 485 municipios do Estado que se suma, un ano máis, á proposta da WWF de facer un xesto de concienciación en favor do ambiente apagando a iluminación pública durante unha hora á noitiña deste sábado 30 de marzo. Á iniciativa -denominada “Hora do Planeta”- pode unirse quen queira baixando chaves e desconectando aparellos eléctricos entre as 20.30 e as 21.30h. No caso do Concello elixíronse varias liñas de farois. En concreto as da Avenida Marqués de Figueroa, as da praza do antigo Concello e do Convento do Rosario e tamén a iluminación dos xardíns municipais. Por certo, lembrade adiantar unha hora o reloxo ás dúas da mañá do domingo para andarmos todas e todos no horario de verán.
A WWF asegura que a Hora do Planeta é “o maior movemento global contra o cambio climático e defensa da natureza”. Comezou en Sidney en 2007 como xesto simbólico para chamar a atención sobre o quentamento da Terra provocado pola polución e o consumo de enerxías contaminantes. En 2018 participaron do xesto de apagar a luz durante unha hora miles de cidades de 188 países, onde se interrompeu a iluminación de máis de 17.000 monumentos e espazos públicos, incluíndo nesa cifra as organizacións e empresas que suscribiron a carta de adhesión ao compromiso de frear o cambio climático.
“A Hora do Planeta converteuse nunha oportunidade única en defensa do Planeta, promovendo estilos de vida sustentable, fomentando o desenvolvemento renovable, conservando os nosos bosques, mares e recursos naturais ou loitando contra a perda de biodiversidade”, explican na web do Fondo Mundial para a Natureza (World Wildlife Fund, WWF).
No sitio engaden que “dependemos da natureza para vivir. Non só nos dá o aire que respiramos, a auga que bebemos, os alimentos, medicinas e o refuxio que necesitamos, senón que sustenta o propio sistema económico mundial. Con todo, a destrución de hábitats, o tráfico de especies, a contaminación e o cambio climático está a provocar unha degradación da natureza sen precedentes”. Unha situación que, en palabras do Fondo, está cambiando: “vivimos unha transición ecolóxica que é imparable. Por fin, gobernos, cidades, empresas e cidadanía de todo o mundo están a mobilizarse e miles de iniciativas en favor do clima e a natureza están a producirse”.
A Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos durante unha hora, que cadra sempre e en todo o mundo nun dos últimos sábados do mes de marzo entre as 20.30 e as 21.30h. Canda esta proposta principal tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista, compartir a campaña a través das redes sociais ou incluso unirse aos retos paralelos durante todo o día: o #RetoDíaSenPlástico, o #RetoDíaSenCarne e o #RetoDíaSenEmisións.
En todo o Estado confirmaran a súa participación 485 municipios, dos que 26 son galegos e, un deles, San Sadurniño. Aquí apagaranse entre as 20.30 e as 21.30h. as luces da Avenida Marqués de Figueroa, as do contorno do Convento do Rosario e o alumeado dos xardíns municipais. Outras institucións e entidades que apoian a iniciativa son a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e, tamén en San Sadurniño, a Asociación Veciñal O Castelo. Na nosa zona este ano únense á Hora do Planeta os concellos de Moeche, Narón, Ferrol e Mugardos.