O Consello Territorial da provincia tamén informou favorablemente as obras no cemiterio de San Amaro, a mellora dos accesos ao centro de saúde de Monte Alto na Coruña e a reparación de filtracións na biblioteca do Castelo de San Antón
O Consello Territorial de Patrimonio de Galicia deu o visto bo a varios proxectos e actuacións na provincia nos concellos de Arteixo, A Coruña, Betanzos, Ferrol, Narón, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son e Rois.
Na comarca da Coruña, e máis concretamente na cidade da Coruña, o Consello valorou positivamente as obras de acondicionamento do cemiterio de San Amaro, con control arqueolóxico e a reparación e substitución das cubertas, pavimentos e redes de servizo no terceiro departamento do cemiterio. Ademais, deu o visto bo ás obras de mellora dos accesos ao centro de saúde de Monte Alto e á reparación de filtracións na biblioteca do Castelo de San Antón.
Na vila de Betanzos tamén se autorizou a reparación do pavimento na Porta de Ponte Vella con supervisión arqueolóxica e no Concello de Arteixo aprobouse a mellora da infraestrutura turística e a posta en valor dos carreiros da fraga do río Sisalde.
Na comarca de Ferrolterra se valorou positivamente a proposta do Concello de Ferrol de conservación e mantemento da batería alta do Castelo de San Felipe. En Narón deuse o visto bo á sinalización da ruta Monte da Lagoa-Pena Molexa e en Pontedeume aprobouse a proposta de conservación do Castelo de Andrade.
Na comarca de Santiago de Compostela deuse o visto bo en Padrón ao proxecto de instalación da oficina de turismo na Avda de Compostela e no municipio de Rois autorizouse a restauración do palco modernista de Sorribas.
Na comarca do Barbanza, o Consello de Patrimonio en Porto do Son aprobou a humanización do cruceiro na igrexa de Baroña, o acondicionamento do contorno da igrexa de San Martiño de Miñortos, con control arqueolóxico, e a humanización dos rueiros de Nebra, tamén con control arqueolóxico.
Finalmente, en Ponteceso, deuse o visto bo á reparación da ponte de Pontedona e á súa contorna e á restauración e traslado do cruceiro de San Martiño de Cores, con control arqueolóxico.