Friday 22 de November de 2024

Decembro, mes de mercados na praza 8 de Marzo


A praza 8 de Marzo do barrio de San Pedro acolle este mes de Nadal a celebración de catro mercados, organizados polo Concello de Santiago como elemento dinamizador para animar as rúas e as compras no propio barrio. Os mercados celebraranse os sábados 13, 20 e 27, así como o martes día 30, en horario de 11:00 a 15:00 horas, e incluirán a realización de actividades dirixidas aos máis pequenos.

Nos Mercados de San Pedro participan de xeito gratuíto comercios maiormente radicados no barrio, que sacan así á rúa os seus produtos para achegalos aos consumidores dunha maneira directa. Están organizados polo Concello no marco do programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado con fondos europeos FEDER.

O obxectivo é o de dar servizo ao barrio e ademais atraer público doutras zonas de Compostela, favorecendo a súa visibilidade nunhas datas especialmente propicias para o comercio. Nos catro Mercados, os expositores distribuirán entre os seus clientes preto de 600 vales gratuítos para tomar un café nos establecementos hostaleiros do barrio, dentro da campaña “Nós convidamos ao café”. Os vales serán distribuídos polos expositores por compra mínima.

Ademais dos postos de venda, os Mercados de San Pedro contarán cun espazo especial para a realización de actividades infantís. Nel levaranse a cabo obradoiros de malabares, monicreques, globoflexia, maquillaxe, xogos tradicionais, nutrición e cociña saudable, ademais de sesións de contacontos, conforme ao programa que segue:

MERCADOS DE SAN PEDRO, ACTIVIDADES INFANTÍS

HORARIO: 11:00 a 15:00 h.

SÁBADO, 13 DE DECEMBRO
– Crea as túas cariocas de malabares e aprende a utilizalas.
– Globoflexia e maquillaxe

SÁBADO, 20 DE DECEMBRO
– Crea un títere, crea unha obra de títeres e visualiza unha obra de títeres

SÁBADO, 27 DE DECEMBRO
– Xogos tradicionais galegos
– Xoguetes tradicionais galegos

MARTES, 30 DE DECEMBRO
– Xogos sobre nutrición
– Obradoiro de cociña saudable

Toda a información na web do barrio de San Pedro: www.barriosanpedro.eu