Un incendio de escasa entidade queimou na pasada noite algo máis dunha hectárea de monte na zona dos Cadavás, a medio camiño entre os lugares do Piñeiro e O Pico, en Naraío. Un veciño de Fontao que viu clarear as lapas no medio da noite foi quen deu a alerta ao 112 pouco despois das 22.00h. O teléfono de emerxencias mobilizou unha patrulla da Garda Civil, unha motobomba do GES de Mugardos con dous operarios e tamén un equipo con tres vehículos dos Bombeiros do Eume, que acudiron como retén para garantir a seguridade dunha vivenda próxima que en ningún momento se viu ameazada. O lume quedou controlado pasada a medianoite, aínda que a primeira hora desta mañá a veciñanza volveu dar aviso de que estaba volvendo a prender. Ata o lugar desprazáronse unha motobomba e un todoterreo da Xunta que, preto das 9.30h., apagaban xa os últimos rescoldos.
O lume iniciouse nun monte de eucalipto dos Cadavás, entre o lugar do Pico e o do Piñeiro, en Naraío. O vento fixo que avanzase rapidamente a ras de chan e a iso das 23.30h. o GES de Mugardos atalloulle o paso nunha faixa de recente plantación con axuda de varios veciños.
Media hora despois chegaron ao lugar dous camións e un todoterreo dos Bombeiros do Eume con indicacións de permanecer atentos por se o incendio collía forza e se achegaba máis do debido a unha das vivendas do núcleo do Piñeiro. Este retén especializado en incendios urbanos tamén se ocupou de reabastecer de auga o vehículo do GES.
O lume, que ao final só queimou unha hectárea, correu alimentado pola maleza e pola forza do aire que, porén, amainou pouco despois da medianoite axudando a manter a raia o incendio. A iso axudou tamén a localización, xa que o foco se iniciou nunha zona delimitada por dúas pistas asfaltadas e dous predios libres de arborado.
Malia que o lume se deu por extinguido, a primeira hora da mañá de hoxe volveuse ver no lugar fume abundante, razón pola que a veciñanza alertou de novo aos servizos de extinción que, desta vez, enviaron unha brigada de medio rural e unha motobomba para asegurar todo o perímetro, onde só quedaban brasas e algunha lapa puntual de escasa entidade.
Non hai datos sobre como puido terse orixinado este lume, aínda que pola súa situación e pola recorrencia de incendios e conatos nese mesmo punto nos últimos anos, barállase a posibilidade de que fose intencionado.