Un equipo de TBS comezou unha estancia de tres días no concello
Santa Uxía de Riveira, 26 de marzo de 2019.- A canle televisiva de carácter privado líder do Xapón, Tokyo Broadcasting System (TBS), recalou esta mañá no noso municipio coa fin de comezar a rodar un novo episodio do seu exitoso programa “Sekai kurabete mireba” (“Comparación co mundo”). Cunha audiencia media de 1,5 millóns de espectadores, o capítulo que suscitou a visita da expedición nipona vai estar dedicado a comparar os nosos recursos pesqueiros e marisqueiros coa pesca artesanal do atún nas illas Maldivas.
A primeira hora da mañá, o alcalde Manuel Ruiz e a concelleira Esther Patiño recibiron na lonxa de Aguiño á comitiva do país oriental, formada polo director do espazo, Daisuke Yamaguchi, e pola corresponsal en España de TVS, Kumi Matsushima, quen exerceu de intérprete cos medios e autoridades presentes para informar das características da súa estancia, de tres días de duración
Así, nesta primeira xornada dedicarase a filmar a actividade percebeira da man de mariscadores da confraría de Aguiño. Precisamente, un dos motivos polos que se decantaron polo noso concello foi a fama que ten o seu crustáceo, un produto que aínda é moi pouco coñecido no país oriental.
Mercado municipal
Mañá mércores, os xornalistas da nación do sol nacente visitarán o mercado municipal de Riveira (durante a mañá) e a lonxa (pola tarde). A este respecto, Kumi manifestou que outra das razóns para escoller Riveira é o feito de que ambas infraestruturas foron renovadas recentemente e de que a rula da nosa cidade é a máis importante comercializadora de peixe do día de Europa.
Por último, o xoves empregarano en gravar paisaxes do entorno e recursos gastronómicos en locais de hostalería do municipio.
De carácter semanal, o programa ten un dobre carácter de entretemento e didáctico e está previsto que o episodio sobre Riveira e as Maldivas se emita a finais do mes de abril.
O alcalde agradeceu a TBS que pensase neste municipio para gravar o programa, o que vén evidenciar a importancia do sector pesqueiro de Riveira a ollos dunha potencia neste eido como é Xapón.
Ribadesella
Non é esta a primeira vez en que “Sekai kurabete mireba” se interesa por un municipio español. No pasado outono estivo en Ribadesella, gravando as súas angulas para comparalas coa anguila cociñada ao estilo Kabayaki xaponés.
Outros episodios estiveron dedicados ao ocio nocturno entre Xapón, Estados Unidos, Tailandia e a Federación Rusa; os grandes supermercados de China e os Estados Unidos; e as estacións de televisión de Tailandia, Perú e Senegal.