Roberto Rey: “celebramos que a solicitude enviada ao Departamento de Vías e Obras da Deputación o pasado mes de febreiro servira para axilizar unha licitación cuxo atraso non tiña sentido ningún”
O Concello de Frades celebra a saída a licitación hoxe da obra de reparación das beirarrúas na DP-3802, entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio, por un importe de 198.735,29 euros. Unhas obras fundamentais para a seguridade peonil da zona que acumulaban un gran atraso na súa licitación, pois foran aprobadas en pleno pola Deputación en setembro de 2018, feito que motivou que o pasado 22 de febreiro a Xunta de Goberno do Concello de Frades enviara unha queixa ao Departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, indica que “celebramos que a solicitude enviada ao Departamento de Vías e Obras da Deputación o pasado mes de febreiro servira para axilizar e desatascar unha licitación cuxo atraso non tiña sentido ningún e supoñía un agravio comparativo para os veciños e veciñas de Frades, sobre todo cando se estaban realizando e licitando obras coma estas noutros municipios da provincia”.
Neste sentido, Rey Martínez lembra o atraso rexistrado neste proxecto: “estamos falando dunha obra da que iniciei os trámites con Diego Calvo na presidencia da Deputación, que se retomou cunha visita do actual presidente en 2016 e que, unha vez que o proxecto foi feito polo Concello de Frades, foi aprobado en pleno en setembro de 2018”.
Proxecto
As obras de renovación de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio suporán un investimento de 198.735,29 euros. O proxecto inclúe a reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e a zona na que se emprazan o colexio, o polideportivo municipal e a igrexa parroquial da localidade, á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira (pk 17+140 e 17+180).
As novas beirarrúas, con baldosa de formigón e bordo de formigón armado, substituirán ás actuais, que se atopan nun estado de deterioro importante e contribuirán a mellorar a seguridade dos peóns así como a estética do entorno, xa que o proxecto inclúe a formación de 19 alcorques nos que se prantarán outras tantas árbores e a colocación de 346 metros de varanda metálica de protección.