Ana Anta e Yolanda Neira, traballadora social e psicóloga do Concello de Boqueixón, respectivamente, recibiron o recoñecemento ao seu labor
O programa de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia do Concello de Boqueixón, CoidarNos, vén de recibir un galardón do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Este recoñecemento realizouse no marco da celebración dos Premios que esta entidade convoca cada ano co gaio da conmemoración do Día Mundial do Traballo Social.
A entrega de galardóns realizouse o pasado venres no Edificio Cersia de Santiago de Compostela. Ana Anta Fernández e Yolanda Neira Cristobo, traballadora social e psicóloga do Concello de Boqueixón, respectivamente, recibiron o Premio á mellor iniciativa de boas prácticas. Deste xeito, recoñécese o labor desenvolvido por ambas as dúas profesionais a través deste programa municipal.
Esta non é a primeira ocasión en que CoidarNos se establece como referente no eido da intervención social. O programa foi escollido hai dous anos para a IV Conferencia Nacional del Paciente Activo celebrada en Oviedo. A presentación realizada no marco deste encontro facilitou a difusión desta iniciativa fóra da comunidade galega.
Por outra banda, o programa municipal de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia do Concello de Boqueixón tamén protagonizou unha xornada formativa na Escola Universitaria de Traballo Social da USC. Nela presentouse a iniciativa CoidarNos poñendo de manifesto os beneficios que reporta a usuarias e usuarios.
Espazo para compartir experiencias comúns
CoidarNos nace co obxecto de crear un espazo onde as persoas coidadoras poidan compartir experiencias comúns en torno ao coidado dos seus familiares, conformando así un grupo de apoio onde a xeración de vínculos e o sentido de pertenza redunden na mellora da calidade de vida das persoas participantes, abordando entre outras cuestións: estratexias de afrontamento de situacións diarias fronte aos coidados, comunicación e negociación, expresión de emocións, recuperación do tempo de lecer…