O Concello de Frades confirma que para a próxima temporada acometerase o Camiño da Prata
Un total de corenta veciños e veciñas de Frades participaron nunha andaina de 16 quilómetros entre Lires e Muxía, organizada polo Concello de Frades dentro de seu programa de percorridos polos distintos itinerarios xacobeos existentes en Galicia. Como a gran maioría deles xa participara na andaina entre Santiago e Fisterra celebrada entre outubro e decembro de 2018, este sábado obtiveron a “Muxiana”, un documento que certifica que o camiñante cubriu o traxecto que pasa por Negreira, Olveiroa, Fisterra e Lires.
Con esta andaina, xa son tres os Camiños Xacobeos realizados pola veciñanza de Frades: Camiño Francés, Camiño de Fisterra e Camiño de Muxía. Para a próxima temporada, o Concello de Frades ten previsto acometer o Camiño da Prata, que será afrontado en varias etapas que terán lugar os sábados nos que a climatoloxía o permita.