Saturday 16 de November de 2024

Ovidio Rodeiro clausura o Obradoiro de Emprego Xuvenil de Santa Comba no que se formaron 16 alumnos en conservación e mellora de montes


O delegado territorial da Xunta na Coruña destacou que estes talleres se centran nas áreas nas que hai más demanda laboral na comarca

Un total de 16 alumnos e alumnas formáronse nos últimos seis meses en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar este taller promovido polo Concello de Santa Comba e compartido con A Baña, Negreira e Val do Dubra. Os alumnos comezaron a formación no mes de setembro e concluíron en marzo, tras seis meses de formación teórica e práctica.Grazas a este obradoiro leváronse a cabo 28 actuacións de limpezas, rozas, saneamento e repoboación de montes.

O delegado territorial comezou por felicitar aos participantes: “porque tivestes a oportunidade de traballar seis meses meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Neste senso, resaltou a importancia da colaboración entre administracións públicas para impulsar a formación e a calidade do emprego en Galicia.

Ovidio Rodeiro destacou “a importancia destes cursos porque se centran nas áreas nas que hai máis demanda laboral na comarca e permiten obter un certificado oficial para desempeñar postos de traballo con boas saídas laborais. Arredor do 60% dos alumnos atopan traballo, algúns incluso antes de rematar o curso”. Ademais, engadiu, “as empresas locais xa coñecen o éxito e a boa calidade da formación que se imparte polo que ven estes cursos moi atractivos para atopar xente ben formada nas áreas que lles interesan”.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.