Destaca as súas propostas pensadas para un mellor funcionamento do sistema
“Agradézovos a vosa contribución aos grupos de mellora da atención primaria cunha serie de propostas estruturadas pensadas para sumar, facilitar, integrar, comunicar e contribuír a un mellor funcionamento das cousas”. Así se dirixiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aos farmacéuticos de atención primaria presentes nas II Xornadas da Asociación deste colectivo.
“Logo de ter superado a dificultade que supuxo que Galicia fora pioneira en incorporar farmacéuticos nos centros de saúde, demostráchedes que o voso traballo, integrado no equipo multidisciplinar de atención primaria, supón unha valiosa aportación na mellora da seguridade do paciente”.
Almuiña remarcou que Galicia tamén apostou forte pola atención farmacéutica de calidade en residencias socio sanitarias e as cifras falan por si soas, 109 centros e máis de 12.000 pacientes atendidos dunha forma colectiva e integrada, “seguindo criterios de eficiencia e, sobre todo, de seguridade”.
Asemade, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, falou da atención a domicilio do paciente crónico, “na que todos os profesionais, especialmente no ámbito da atención primaria, son necesarios. Unha atención que precisa de solucións tecnolóxicas que permitan monitorizacións destes enfermos dende os centros do Sergas”.
Na súa intervención, o conselleiro destacou, igualmente, as iniciativas relacionadas coas prácticas seguras de medicamentos e a inquietude investigadora no día a día do farmacéutico.