Friday 22 de November de 2024

Unanimidade no Pleno de Lousame para aprobar melloras no parque infantil e na escola do Sanguiñal e na unitaria de Vilacova


O Pleno habilitou crédito para cubrir as gradas do campo de fútbol da Silva

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria de marzo na que o Concello de Lousame dotou de financiación os proxectos de mellora no parque infantil e na escola do Sanguiñal, na escola unitaria de Vilacova e no campo de fútbol da Silva. Así, o pleno municipal acordou unha transferencia de crédito de 10.800 euros para acometer o pintado da escola do Sanguiñal e melloras na escola unitaria de Vilacova, “pois entra auga na aula onde se fan as actividades e é necesaria unha drenaxe arredor do edificio para evitar esas filtracións”, explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde, quen adiantou que “a maiores actuaremos nunha pequena beirarrúa que hai na zona para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida”.

Así mesmo, o pleno aprobou un crédito extraordinario de 16.214 para a cubrición das gradas do campo de fútbol da Silva. A alcaldesa lousamiá explicou que “hai ano e medio se actuou na zona da cantina e das gradas e adquirimos o compromiso de cubrir as outras gradas, cousa que cumpriremos con esta actuación”.

Parques infantís

O grupo de Goberno presentou dúas mocións de urxencia no pleno, que foron aprobadas tamén por unanimidade. A primeira permitirá que o persoal laboral do Concello de Lousame que se atope en situación de incapacidade temporal ou licenza por enfermidade perciba un complemento retributivo dende o primeiro día que, sumado á prestación do Réxime Xeral da Seguridade Social, alcance o 100% das retribucións fixas e ordinarias desde inicio da incapacidade temporal ou licenza por enfermidade. Villaverde explicou que era un cambio pendente pero que “non se trouxo antes porque non se dera o caso”. O acordo conta co apoio da mesa de negociación dos traballadores de Lousame, reunida este xoves 21 de marzo.

A segunda moción de urxencia permitiu aprobar un suplemento de crédito por 14.279 euros para a construción dun parque infantil no Sanguiñal (Tállara). Unha cifra que se sumará aos 30.000 euros reservados para parques infantís nos orzamentos de 2019. Villaverde explicou que “os traballadores municipais fixeron unha soleira no Sanguiñal e, cando pedimos presuposto para o parque, resulta que os 30.000 euros que tiñamos non son suficientes, pois ascende a 44.279 euros e é necesario facer esta instalación pois é unha zona con moitos nenos”.

O concelleiro socialista Iván Bermúdez Castro, voceiro socialista en ausencia por enfermidade de Julio Paradela, asegurou que o orzamento “paréceme moi elevado”, ao que a alcaldesa lousamiá o convidou a consultar as facturas de parques infantís como os instalados no Punto de Atención á Infancia ou no CPI Cernadas de Castro porque “se os fas homologados e que duren, os parques infantís son caros. Por iso non se fan todos os anos”.

A alcaldesa de Lousame explicou que o parque infantil do Sanguiñal, ademais dos tradicionais xogos e solo de caucho antiimpactos, “levará unha tirolina e, co tempo, queremos cubrilo porque pola súa situación se presta a elo, de forma que a rapazada poida xogar no inverno. Podemos facelo porque é unha zona abrigada e que se presta a facelo, noutros lados é moito máis complexo”. De todos modos, Villaverde Pais deixou claro que “antes de cubrir ese parque temos que dotar de columpios a San Xusto, Vilacova, onde enviamos os xogos a reparar e será preciso cambialos todos, e Camboño. Gustaríanos facer máis pero, como ben dixo o concelleiro socialista, é unha actuación moi cara e non podemos facelos todos á vez”.

Á sesión celebrada onte á noite só puideron asistir seis dos once concelleiros electos. Ás habituais ausencias dos concelleiros do BNG e Terras de Lousame sumáronse as ausencias xustificadas dun concelleiro do grupo popular e dous do grupo socialista.