Friday 22 de November de 2024

Feijóo salienta o apoio da Xunta ao talento tecnolóxico da comunidade


Este apoio conta cun investimento de 750.000 euros para 50 proxectos do Galicia Open Future

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso do Goberno galego co talento tecnolóxico da Comunidade, cun investimento de 750.000 euros para 50 proxectos do Galicia Open Future. “Estamos investindo case tres cuartos de millón de euros nesta iniciativa que xunto con Telefónica poñemos á disposición de 50 proxectos, seleccionados dos 130 que se presentaron inicialmente”, aseverou.

Durante o acto inaugural de Galicia Open Future (Galicia Futuro Aberto), o responsable do Executivo autonómico resaltou que o Pacto Tecnolóxico de Galicia, asinado o pasado ano con Telefónica, outras 11 empresas nacionais e multinacionais e o Clúster TIC, “pon, hoxe, de manifesto como a cooperación público- privada é unha boa forma de abordar iniciativas que a Administración pública non podería abordar soa”. E, neste sentido, subliñou que froito desta colaboración xa están en marcha medio centenar de propostas, das cales o 80% presenta potencial para a creación de emprego cualificado e o 40% xa o ten; 2 de cada 5 proxectos dispoñen de financiamento, foron galardoados previamente ou proveñen de centros tecnolóxicos; e 3 de cada 10 pertencen a sectores tradicionais da economía galega.

Feijóo referiuse a Galicia Open Future como “toda unha declaración de intencións que parte do convencemento de que o noso é un país aberto e que supón a constatación de que apoiar proxectos como este é unha boa forma de gañar o porvir”, aseverou.

Consolidar un sector TIC punteiro
Durante a súa intervención, Feijóo avogou por seguir aproveitando as potencialidades da Comunidade e por seguir consolidando un sector TIC punteiro. E, ao respecto, lembrou, tamén, que a Xunta está a financiar tres centros tecnolóxicos no campo das telecomunicacións, o software e o hardware –Gradiant, CTIC e Cesga-, unha plataforma tecnolóxica TIC –Vindeira- e diferentes grupos de investigación nas tres universidades galegas, coas que se puxo en marcha o programa Transforma-TIC.

Así mesmo, destacou a sinatura do Pacto Tecnolóxico de Galicia co Clúster TIC galego e as grandes multinacionais, “que elixen os nosos centros para desenvolver proxectos de alto contido tecnolóxico”; o apoio aos emprendedores a través da Lei do emprendemento; o investimento de 1.100 millóns en proxectos durante os últimos catro anos, para consolidar un gran polo tecnolóxico en Galicia; “e, estamos elaborando a Axenda Dixital 2020, que dará continuidade á nosa aposta pola tecnoloxía durante os próximos seis anos”, engadiu.

Logo de lembrar que o sector TIC en Galicia emprega máis de 15.200 traballadores, Feijóo insistiu tamén en que no ámbito da innovación será esencial o papel que vai desempeñar a aplicación da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que recolle as prioridades da innovación galega ata 2020 e que mobilizará 1.600 millóns. “E, neste contexto de hoxe, tan vinculado ás TIC, é importante resaltar que, tal como se recolle na Axenda Dixital de Galicia e na RIS3, primaranse as iniciativas neste campo, porque as TIC, xunto coa biotecnoloxía e a nanotecnoloxía son as tres tecnoloxías facilitadoras que poden contribuír a lograr un maior impacto a longo prazo no desenvolvemento e crecemento de Galicia”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo insistiu na aposta da Xunta pola innovación, que, xunto coa internacionalización e a competitividade, forma “un dos tres eixos” sobre os que se sustentar a saída definitiva da crise. “Consolidar a recuperación é e segue sendo o principal obxectivo deste Goberno” aseverou, referíndose á Estratexia de Internacionalización para aumentar as exportacións ata alcanzar o 40% do PIB en 2020; e á Axenda de Competitividade Industrial, co obxectivo de crear 50.000 postos de traballo na industria galega.

O presidente da Xunta concluíu garantindo o compromiso do Goberno galego coa Galicia do século XXI: “a Galicia do capital humano, a Galicia do soporte investigador e a Galicia do tecido empresarial. Esta é a Galicia que pretendemos nesta segunda década do século XXI”, asegurou.