Un ano máis, a Asociación Galega de Barmen, elixe a capital de Galicia para celebrar o evento do ano da coctelería galega. Unha cita que terá lugar a partir das 16 horas do luns 25 de marzo na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos.
Unha ducia de concursantes, que competirán en dúas categorías diferentes en función da súa idade, disputaranse os premios de “Mellor barman de Galicia” e “Mellor Novo Barman de Galicia”, que lles dará o pase para participar no Campionato Nacional de Coctelería que terá lugar a finais de ano en Navarra e, que, á súa vez é clasificatorio para o Campionato Mundial.
Ademais, o propio campionato oficial irá complementado con outro concurso, o do “Trofeo ao Mellor Cocktail con Augardente de Galicia”. Unha aposta por parte do “Consello Regulador de Augardentes de Galicia” co fin de diversificar os seus produtos e formen parte tamén das cartas da coctelería na nosa comunidade.
Durante a competición valorarase a destreza encima da barra, as decoracións utilizadas, así como a degustación, que contará cun xurado profesional que realizará unha cata a cegas sen coñecer o autor do grolo.
Pola súa banda, e unha vez entregados os premios, terá lugar unha exposición de produtos por parte das diferentes casas comerciais que achegan o seu produto aos propios concursantes. Un momento no que tanto hostaleiros como público en xeral interesado no mundo da coctelería poderá coñecer de primeira man as tendencias actuais.