Sunday 24 de November de 2024

A IX Semana da Historia de Noia homenaxeará o legado de Berenguel de Landoira


 

Concello de Noia e Barbantia presentaron o programa do curso, homologado pola Consellería de Educación, e que terá lugar do 30 de marzo ao 6 de abril

A IX Semana da Historia de Noia, que terá lugar na Casa da Cultura e na Igrexa de Santa María A Nova do 30 de marzo ao 6 de abril, estará dedicada este ano ao legado de Berenguel de Landoira, arcebispo de Santiago no século XIV que estivo refuxiado en Noia entre outubro de 1319 e xaneiro de 1320. Un programa que foi presentado esta mañá no salón de plenos noiés polo alcalde de Noia, Santiago Freire; o concelleiro de Cultura, José Pérez; e o presidente de Barbantia, Manuel Cartea.

Freire Abeijón agradeceu o traballo realizado tanto dende a Concellería de Cultura coma dende Barbantia na organización da IX Semana da Historia de Noia, con mención especial a Xerardo Agrafoxo e Suso Xogaina, directores e coordinadores das xornadas. “Sabemos que Noia esperta un gran interese histórico e todo o que sexa poñer en valor ese atractivo é positivo para a nosa vila”, explicou o alcalde Noiés.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura desglosou o programa deste ano, que inclúe un total de nove ponencias en sete sesións, que terán lugar na Casa da Cultura e na Igrexa de Santa María A Nova. “Ademais de agradecer o traballo de organización realizado por Barbantia, cun amplo e interesante programa, gustaríame destacar que se trata dun curso homologado pola Consellería de Educación”, apuntou José Pérez.

Finalmente, Manuel Cartea explicou que a IX Semana da Historia de Noia “estará dedicada ao legado dun personaxe cuxa vida merecería unha película. Arcebispo, cura con alma de guerreiro que empuñou máis a espada que a palabra. É incrible ver as viaxes que fixo no século XIV. Estivo preso, tiña alma de Templario…”. Así mesmo, agradeceu a colaboración do Concello de Noia na organización das xornadas pois “Noia é a nosa casa, non só pola súa actividade cultural e polas boas relacións co Concello, senón porque moitos dos socios de Barbantia son investigadores desta cidade milenaria”.

Programa

A IX Semana da Historia de Noia abrirá as súas portas o sábado 30 de marzo, ás 19:00 horas, na Igrexa de Santa María A Nova coa conferencia “As viaxes de Berenguer de Landorre”, a cargo do historiador Xerardo Agrafoxo. O acto contará coa actuación da soprano noiesa Esperanza Mara.

As tres sesións seguintes terán lugar na Casa da Cultura de Noia, en horario de 20:30 horas. Así, o luns 1 de abril, a arqueóloga e historiadora Ana Isabel Filgueiras Rei falará sobre “Memoria e expresión artística do edificio Casino (1924-1928)”. O martes 2 de abril, a xeógrafa Maite Sobradelo disertará sobre “A industria das papeleiras en Lousame”; mentres que Iolanda Mato e Lucía Cao, da sociedade histórica e cultural “Coluna de Sanfins”, impartirán a charla “Do monte ao mar de Noia”. O mércores 3 de abril, a arqueóloga Manuela Pérez Mato dará unha charla titulada “Muller tiñas que ser. As mulleres de Noia na Idade Media e Moderna”.

O xoves 4 de abril as xornada trasladarase á Igrexa de Santa María A Nova onde, ás 20:30 horas, terán lugar dúas charlas: “A chave do reino”, do arqueólogo Xepe Torres; e “As claves de Santa María a Nova”, de Concha Allut, licenciada en Historia da Arte. O venres 5 de abril, a Casa da Cultura acollerá a charla “A muralla de D. Berenguel: memoria urbana da vila de Noia”, a cargo do xeógrafo Pedro García Vidal.

A IX Semana da Historia de Noia pechará as súas portas o sábado 6 de abril, ás 19:00 horas, cunha charla de X. M. Sánchez Sánchez, do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, quen impartirá a charla “Papado, cidade e arcebispo. Berenguel de Landoira, Xoán XXII e a revolta da cidade de Santiago”. As xornadas pecharanse cunha performance de Serafín Marcos, titulada “Un frade do Languedoc no Portus Apostoli”.

A IX Semana da Historia de Noia está organizada polo Concello de Noia e pola asociación cultural Barbantia, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.