Saturday 16 de November de 2024

O Goberno municipal investiu este ano 2,3 millóns de euros na mellora e mantemento dos centros educativos


A Concellaría de Educación aumentou o investimento nun 18,5% con respecto a 2011

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, realizou esta mañá un balance do investimento executado durante este ano polo seu departamento nos 36 centros educativos -entre a rede de Escolas Infantís Municipais (EIM), Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), Centros de Educación Especial e Educación para Adultos- cuxo mantemento depende do Concello da Coruña.
O responsable municipal de Educación destacou que o investimento en obras de mellora e mantemento nos colexios que se adxudicou ao longo deste ano alcanza os 2,3 millóns de euros -en concreto, 2.300.825 euros-, o que supón un incremento do 18,5% -359.968 euros máis- con respecto a 2011, cando foron 1.940.857 euros.
No presente ano 2014, o investimento en obras programado pola Concellaría de Educación dirixiuse principalmente á reforma e adaptación de aseos dos escolares, a substitución de chan a tarima nas aulas de Infantil, o cambio e impermeabilización de cubertas para evitar humedades nas aulas, a instalación e arranxo de xogos infantís, así como o acondicionamento, pavimentación e pintado do chan das pistas deportivas e de antigos e novos xogos infantís.
Francisco Mourelo destacou que os proxectos de mellora dos centros educativos da cidade certifican o compromiso deste equipo de goberno pola educación e co obxectivo de que os alumnos conten cada vez con instalacións educativas de máis nivel. En total, dende 2011, investíronse nos 36 centros educativos da cidade máis de 9,75 millóns de euros -en concreto, 9.755.366 euros- entre obras de investimento e mellora das instalacións, mantemento, contratos de limpeza, xardinaría, caldeiras ou ascensores, entre outras actuacións.
Deste xeito, o investimento media anual en materia educativa rolda os 2,44 millóns de euros, mentres que o investimento media en cada un dos 36 colexios chegaría aos 270.982 euros neste mandato.
O Concello mantén entre os seus grandes piares de goberno durante estes catro anos a organización e xestión dunha oferta educativa de calidade para formar aos máis pequenos nos valores dunha sociedade inclusiva. Este compromiso tamén se ratificará en 2015 cun presuposto que supera os 2 millóns de euros para as partidas dirixidas ás escolas infantís municipais (EIM) e para os proxectos de mellora e acondicionamento dos centros educativos da cidade, tanto nas escolas infantís coma en colexios de educación Infantil e Primaria (CEIP), sen contar os 425.000 euros reservados para reparacións noutros edificios que corresponden o departamento municipal de Educación.
Neste sentido, para o próximo ano, a Concellaría de Educación ten programadas unha serie de obras nos centros educativos da cidade, entre as que destacan o cambio de cuberta dos CEIP María Barbeito e Emilia Pardo Bazán (177.600 e 33.500 euros, respectivamente), a pavimentación de pistas exteriores do CEIPCurros Enríquez (55.900 euros) e a instalación dunha cuberta no patio exterior do CEIP San Francisco Javier (37.707 euros).

PORCENTAXE DE ADXUDICACIÓN
O concelleiro de Educación prestou especial importancia ao gasto executado durante este mandato, é dicir, ás obras que realmente se levan a cabo do presuposto municipal. As cifras avalan a xestión eficiente dos presupostos municipais que desenvolve o departamento que dirixe Francisco Mourelo. Así, a porcentaxe de adxudicación do presuposto de 2014 dirixido a investimentos alcanza o 92,5%, o que representa
14 puntos máis que en 2011, cando quedou no 78,5%.
Francisco Mourelo destacou que a valoración realizada polas direccións dos centros educativos da Coruña -unha análise do traballo da área de Educación que tamén se leva a cabo no resto de intervencións deste departamento- é boa, pois se obtén unha puntuación media de notable (7,5 puntos sobre 10). Estas cifras confirman unha vez máis que, xunto á completa oferta educativa municipal, o Concello coruñés cumpre os compromisos que adquire coa comunidade educativa.