A unidade móbil tamén se achegará ao recinto feiral de San Ramón e, xa en abril, a Igrexafeita
A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volverá a San Sadurniño nos próximos días para “pasarlle a revisión” aos tractores e outra maquinaria agrícola. Estará o día 26 de marzo en Santa Mariña do Monte e os días 4 e 5 de abril en Igrexafeita. É necesario pedir vez a través do 902 309 000 ou da web www.sycitv.com. Ademais, cómpre lembrar para a xente de Bardaos e Lamas que a ITV tamén atenderá no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, os días 27 e 28. Igualmente hai que solicitar cita previa.
Os tractores agrícolas, a maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais -excepto motocultores e máquinas equiparadas- teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos. Iso si, se os tractores superan os 40 Km/h. a primeira revisión debe pasárselle aos 4 anos, dos 4 aos 16 será bienal e a partir de aí anual.
A revisión é unha especie de purgatorio polo que ninguén quere pasar nin tampouco pagar, pero non está de máis ter en conta que tamén é o lugar onde poden detectar calquera problema grave que lle afecte á seguridade.
Un tractor que non frea ben, coas rodas lampas ou coa dirección frouxa é un perigo para quen guía pero tamén para outros vehículos e persoas que circulan pola vía. De 2016 a 2018 producíronse en Galicia un total de 56 mortes relacionadas co manexo destes vehículos, 21 delas só o ano pasado. Grande parte das vítimas foron maiores de 65 anos e nunha porcentaxe moi elevada faleceron esmagadas debaixo do tractor, xa for por un exceso de confianza ou ben por non ter a máquina en condicións.
Neste sentido, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral -organismo dependente da Xunta de Galicia- vai máis aló da recomendación de que o tractor teña a itv pasada e insiste na conveniencia de que as máquinas máis vellas dispoñan de arcos ou cabinas de seguridade homologadas e que se extremen as precaucións coas tomas de forza e o manexo de apeiros.
ITV en Santa Mariña, Moeche e Igrexafeita
A unidade móbil da ITV andará pola nosa zona a partir da semana que vén. A Santa Mariña do Monte acudirá na xornada do martes 26 de marzo en horario de 9.00h. a 13.30h. e de 15.15h. a 18.00h. Estará instalada ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos.
Os dous días seguintes, o mércores 27 e o xoves 28, a estación asentará no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, moito máis á man para a xente das zonas limítrofes de Lamas e Bardaos. O primeiro día atenderá en horario de mañá e tarde -de 9 a 13.30 e de 15.15 a 18.00h.-, mentres que o xoves 28 só atenderá pola mañá.
A quenda anual de ITVs agrícolas rematará en Igrexafeita. O día 4 de abril a unidade móbil pasará revisións na pista polideportiva da Torre en horario de mañá e tarde e o 5 de abril só pola mañá.
Insistimos unha vez máis: hai que pedir vez a través do 902 309 000 ou da web www.sycitv.com