Saturday 16 de November de 2024

Éxito das dúas visitas teatralizadas a Ponte Ledesma coa asistencia de máis dun cento de persoas


 

Os Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces organizaron as sesións que recrearon as batallas napoleónicas

Máis dun centenar de persoas participaron no programa de visitas teatralizadas na Ponte Ledesma. Organizadas polos Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces, ambas actividades resultaron todo un éxito de convocatoria con máis de 50 asistentes por sesión.

A última das visitas teatralizadas celebrouse onte pola mañá. O punto de partida foi o Campo do Río. Dende alí, o capitán do exército de Trasdeza, Benito Martínez protagonizarou unha amena viaxe ás batallas napoleónicas que se desenvolveron neste histórico enclave.

O percorrido realizouse polo Campo do Río, a propia Ponte Ledesma e, finalmente, polas Illas de Gres. Dun xeito lúdico e didáctico, explicouse como se librou aquela batalla en 1809 entre as tropas de Napoleón e o exército de campesiños ao mando de Benito Martínez. Unha loita coa que se logrou conter temporalmente o avance do exército francés grazas ao apoio da xente da zona que batallou armada con trabucos e apeiros de labranza.