Friday 22 de November de 2024

Gran participación na oitava edición da Festa da Filloa e da Cachucha de Abellá


 

Centos de persoas, tanto de Frades coma de municipios da contorna, desfrutan este domingo da oitava edición da Festa da Filloa e da Cachucha de Abellá, unha celebración organizada pola asociación de veciños Os Labregos de Abellá en colaboración co Concello de Frades. Dende o mediodía, o filloeiro grande de Lestedo non deixou de elaborar filloas para todas as persoas que se achegaron ao polideportivo municipal de Abellá.

Durante a mañá, a música correu a cargo co grupo folclórico ordense “Embruxo Gaiteiros”, que repetiu éxito de edicións pasadas. Pola tarde está prevista unha verbena coa orquestra Ciclón, durante a que as filloas e a cachucha volverán ser protagonistas.

Para mañá luns queda a primeira edición da Ensarillada, encontro folclórico organizado polo grupo Sarillo de Aiazo en colaboración co Concello de Frades. Así, o local social da parroquia de Aiazo acollerá, a partir das 21:00 horas, as actuacións de Dedaleiras de Sarandón, Pandereteiras da Baña, Reviravolta (Lardeiros), Sementes do Arte (Ordes). Pinga de Troula (Galegos) e os anfitrións de Sarillo (Aiazo). A entrada é libre e de balde.