Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame investirá máis de 163.000 euros nunha reforma integral da piscina municipal


 

O Pleno municipal apoiou tamén investir case 84.000 euros na pavimentación da estrada entre Servia e a estrada de Padrón

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade a participación do Concello de Lousame no POS+ Adicional 2019, que suporá un investimento de 247.318,15 euros no municipio en dous proxectos: unha reforma integral da piscina municipal e a pavimentación do viario entre Servia e a estrada de Padrón. Unha proposta que foi aprobada polos cinco concelleiros do PP e o voceiro socialista presentes na sesión.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “hai moitos concellos da provincia aos que non lles deu tempo a presentar proxectos, no caso de Lousame tiñamos un proxecto para facer melloras na piscina municipal co que tentamos conseguir unha subvención nominativa e puidemos refacelo nos últimos días para poder presentar nesta convocatoria”. Un plan que contempla un investimento de 163.777,48 euros na reparación da piscina municipal, “impermeabilizando o vaso e reparando as instalacións da sala de máquinas, así como outras melloras como a ampliación e novo pavimento para a zona de praia e arranxos na zona das duchas e na carpintería interior”, explicou a alcaldesa lousamiá.

Actuacións

O proxecto, que ten un prazo de execución máximo de 3 meses, inclúe a substitución do sumidoiro do vaso por outro novo con rexilla de plástico, a revisión e selado de inxectores do vaso da piscina, a colocación dunha nova electrobomba centrífuga, dun novo caudalímetro electromagnético, dunha nova sonda a nivel e dun novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos para o vaso da instalación. Así mesmo, instalarase unha nova fontanería na sala de bombas, un novo cadro eléctrico e dous novos reguladores de pH e cloro da piscina.

O proxecto contempla tamén a impermeabilización do vaso da piscina cunha membrana antiesvarante e a instalación dun novo pavimento para todo o exterior mediante soleira de formigón armado sobre encachado de pedra granítica. Ademais, ampliarase a zona de praia da piscina en 4 metros e colocarase unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias de tecnoloxía LED. “Deixarase prevista unha canalización para poder instalar nun futuro placas solares para colocar cara a sala de bombas”, adiantou Villaverde.

O outro proxecto, orzamentado en 83.540,67 euros, contempla o pavimentado do viario entre Servia (parroquia de Vilacova) e a estrada de Padrón. “Nestes días rematamos o arranxo dos accesos ata esta aldea dende a planta da Mancomunidade, estamos trallando na instalación da depuradora e a finais do verán agardo poder facer esta pavimentación dende Servia ata a estrada de Padrón”, apuntou Villaverde Pais.

Debate

O voceiro do PSOE, Julio Paradela, votou a favor da proposta, se ben se amosou disconforme coa hora da convocatoria do pleno, que impediu a asistencia do resto de concelleiros socialistas. “Hai que conciliar. Puidemos facelo ás 9:00 horas e estráñame que se esperara a última hora, pois isto aprobouse o 1 de marzo e vostede é deputada provincial”, afirmou Paradela, quen se abstivo á hora de aprobar a urxencia da moción.

Villaverde explicou que “no Pleno aprobouse ese día, pero a cantidade que lle corresponde a cada concello se aprobou despois. Os seis anexos que hai que subir hoxe antes das 14:00 horas, chegaron onte xoves a última hora e os funcionarios non tiveron a documentación ata onte, polo que non podiamos convocar ás 9:00 porque non estaba todo listo. Estamos a favor de conciliar e hai unha concelleira do Grupo de Goberno que tampouco puido vir, pero non podemos perder un investimento coma este”.

O voceiro socialista replicou que a primeira documentación foi enviada pola Deputación o día 8 de marzo, ao que a alcaldesa explicou: “efectivamente, recibimos a documentación o venres, pero non se puido traballar nela ata esta semana. Por sorte tiñamos un proxecto feito e puidemos revisalo todo durante estes días, pero non estivo rematado ata onte xoves ás 18:00 horas”. Neste sentido, lembrou que “sei que hai moitos concellos que non poderán acudir a este plan simplemente porque non tiveron tempo para elaborar proxecto ningún”.