Saturday 16 de November de 2024

Ángeles Vázquez avoga por darlle un pulo definitivo ás reservas da biosfera en Galicia co obxectivo de chegar ao 34% do territorio


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembra que a comunidade xa conta con seis espazos recoñecidos con esta distinción e traballa na candidatura da Ribeira Sacra para remitila ao Goberno este mesmo ano
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou por impulsar de forma definitiva a actual rede de reservas da biosfera de Galicia para que avance cara a novas metas e obxectivos e anunciou que a Xunta seguirá traballando na súa ampliación ata conseguir que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como a sétima reserva da biosfera galega.

Así, Vázquez Mejuto explicou que o seu departamento está a impulsar a candidatura deste espazo ante a Unesco e lembrou que desde hai uns meses mantén unha rolda de contactos con concellos e outros colectivos da Ribeira Sacra co fin de presentarlles o proxecto e sumar novos apoios a unha proposta que aspira a presentar antes de que remate o ano ante o Comité Español que xestiona o programa.

As Reservas da Biosfera, distintivo outorgado pola Unesco a determinadas áreas terrestres, costeiras ou mariñas senlleiras, son territorios que actúan unidos co obxectivo de harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social a través da relación integral das persoas coa natureza.

En Galicia existen nestes momentos seis reservas da biosfera que representan case o 25% de todo o territorio da comunidade: Terras do Miño (Lugo); Área de Allariz (Ourense); Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras do Bourón (Lugo); reserva transfronteiriza do Xurés-Gerês (Ourense); e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Se a candidatura da Ribeira Sacra prospera e supera todos os trámites ante a Unesco, Galicia pasaría a contar con sete reservas da biosfera, que abranguerían en total o 34% do territorio da comunidade autónoma.

Protocolo coa reserva de La Palma
Durante un acto en Oleiros con motivo da sinatura dun protocolo de colaboración entre a Reserva Mundial da Biosfera de La Palma e a das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Ángeles Vázquez subliñou que a aposta decidida da Xunta por potenciar estes espazos e o seu potencial virá acompañada en 2019 por unha nova liña de axudas dotada con 600.000 euros e dirixida a financiar actuacións municipais que poñan en valor as reservas da biosfera. “Queremos potencialas porque son parte fundamental do noso territorio a nivel natural, ambiental e de biodiversidade e supoñen un gran pulmón para Galicia”, incidiu.

Con este mesmo obxectivo, lembrou, a Xunta puxo en marcha no ano 2017 a Rede Galega de Reservas da Biosfera, un órgano de cooperación integrado na actualidade polos seis territorios que contan con este recoñecemento e cuxa función principal consiste en propiciar a colaboración e crear un espazo común no que expoñer experiencias e problemas.

Neste sentido, a conselleira incidiu na necesidade de “fomentar o intercambio, as sinerxías e a eficiencia” na xestión destes espazos naturais, un traballo conxunto para o que, recordou, a Xunta vén de aprobar a creación do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. O pasado luns, precisamente, entrou en vigor o decreto polo que se crea e regula este novo organismo de asesoramento e investigación, que será o encargado de fomentar o traballo en rede das seis áreas galegas que contan hoxe con este recoñecemento internacional.

Por último, Ángeles Vázquez felicitou aos xestores da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo polo protocolo de colaboración subscrito esta mañá coa Reserva Mundial da Biosfera de La Palma, o primeiro territorio insular español en acadar este distintivo, xa no ano 2002.

Así, considerou que a súa ampla experiencia pode servir de “exemplo” e de guía á hora de extrapolar a este territorio da provincia coruñesa parte do traballo realizado na illa, referíndose, concretamente, á creación dunha marca común para diferenciar os produtos de La Palma ou ao desenvolvemento dun programa completo en materia de turismo sostible.