Mantéñense sen variacións os impostos e as taxas municipais e redúcese nun 5,23% a débeda
O pleno do Concello de Frades aprobou en sesión extraordinaria os seus orzamentos para 2015, que ascenden a un total de 1,895.293 euros e que por segundo ano consecutivo son equilibrados. Uns orzamentos que foron aprobados cos 7 votos a favor do PP e coas 4 abstencións de BNG e PSOE, repetindo así a votación do ano pasado.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “os Orzamentos de 2015 aumentan o investimento na rede viaria e nos locais sociais de todas as parroquias, reducen a débeda en máis de 96.000 euros e incrementan as partidas destinadas a gasto social e as subvencións ás entidades sen fin de lucro: asociacións de veciños, agrupacións deportivas, entidades culturais, etc”. Así mesmo, destacou que “os impostos e taxas municipais non varían e non se crea ningunha taxa nova”.
Roberto Rey fixo fincapé no esforzo que está a facer o Concello de Frades para reducir canto antes a súa débeda municipal. Así, anunciou que Frades se adherirá ao Plan de Amortización e Investimento da Deputación Provincial da Coruña, dos que a Frades lle corresponderían 180.000 euros. “A maior parte destes 180.000 euros será para amortizar préstamos que temos cos bancos, que pasarán á Deputación e así teremos 10 anos para amortizalos con interese cero. Será un dos puntos que levaremos ao pleno ordinario do vindeiro mes de xaneiro”, adiantou o alcalde fradense.
Investimentos
As partidas destinadas a investimentos reais ascenden a 583.779 euros e representan máis do 30% do orzamento municipal. A maior parte destes investimentos estarán dedicados a obras de mellora e conservación da rede viaria municipal, unha das máis extensas da provincia con 560 kms. A este efecto irán destinados os 194.973 euros do POS 2015, que permitirán acondicionar e reparar pistas, camiños e estradas das doce parroquias que integran o municipio
Así mesmo, o Concello de Frades investirá outros 103.000 euros na mellora da pista que vai desde A Ponte Carballa ata a estrada AC-424 (Abellá), no camiño desde a N-634 na Ponte Carreira ata Receá (Ledoira), e no camiño entre a estrada provincial 3802 e a intersección da Devesa (Aiazo). Unhas actuacións financiadas con cargo ao Programa de Mellora de Camiños de titularidade municipal impulsado pola Consellería de Medio Rural.
Así mesmo, e grazas a unha axuda nominativa da Deputación da Coruña, o Concello de Frades investirá outros 115.000 euros na mellora da estrada xeral que comunica Céltigos e Vitre, ademais dun tramo en Papucín, e para a estrada que comunica A Garabanxa con Vilarello de Arriba, na parroquia de Santaia de Moar.
Gasto corrente
Pola súa banda, o tesoureiro municipal e concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro Marzoa, destacou a baixada puntual dos gastos de persoal, pola xubilación da Secretaria Municipal o vindeiro mes de agosto e pese a que se contempla o abono do 25% da paga extraordinaria do 2012. Ademais, puntualizou que o soldo tanto dos políticos como do persoal municipal segue conxelado.
Ferreiro Marzoa coincidiu co alcalde en destacar a baixada da débeda: “a débeda financeira do Concello de Frades é de 201.540 euros, o que representa un 10,6%. Ao final de ano, a nosa débeda terase reducido nun 5,23% con respecto a 2013”. Así mesmo, destacou un lixeiro incremento dos gastos correntes, correspondentes a asunción dos gastos de xestión da nova depuradora de Ponte Carreira, que a partir do vindeiro mes de maio pasará a mans do Concello de Frades; e por un plan de mellora dos locais sociais das distintas parroquias.