Sunday 24 de November de 2024

San Sadurniño licita en 188.000 euros a terceira fase de consolidación do castelo de Naraío


As empresas teñen ata o 24 de abril para presentar as súas ofertas

A plataforma de contratación do Estado publicou este mércores os pregos técnicos e administrativos polos que se rexerá a contratación das obras da terceira e última fase de consolidación do castelo de Naraío. O prezo de saída do proxecto sitúase en 188.750 euros, ive incluído, e con el búscase afianzar as partes da estrutura aínda pendentes e, máis que nada, preparar os accesos e o seu contorno para que se poida visitar con total seguridade. No proxecto colaboran a tres bandas a Deputación da Coruña asumindo o 80% dos custes, o Concello facéndose cargo do 20% restante e a Consellería de Cultura, que deseñou o plan da intervención e levará a dirección de obra baixo a supervisión do arquitecto José Antonio Alonso. As empresas teñen até as 23.59h. do día 24 de abril para presentaren as súas ofertas técnicas e económicas.

Esta terceira grande actuación consistirá, a grandes trazos, na limpeza preparación dos accesos con escalinatas desde o punto máis baixo do promontorio, acompañadas de elementos que lle dean seguridade ás visitas tanto no camiño principal como nos sendeiros que rodean os distintos niveis dos muros. A idea é acondicionar un itinerario circular desde a porta principal que, ademais, tamén permita ver partes hoxe ocultas debido á acumulación de entullos de derrumbamentos ou polo amoreamento de materiais feito en obras anteriores. Outro dos obxectivos do proxecto é rematar a consolidación dos paramentos aos que non se lles tocou nos dous proxectos anteriores.

Canda estes traballos xerais -que irán precedidos de prospeccións arqueolóxicas- tamén se farán outros que contribuirán a poñer en valor todo o conxunto como enclave turístico. E é que o proxecto deseñado polo arquitecto José Antonio Alonso -quen xa debuxara as anteriores intervencións- contempla encaixonar en madeira tratada o andamio exterior que comunica a base da torre coa porta situada a media altura da fachada sur. A partir dese punto, e xa no interior, armarase unha segunda estrutura con catro alturas que permitirá seguir subindo ata o punto máis alto do castelo.

O obxectivo deste novo conxunto de escaleiras e plataformas é, segundo xustifica o arquitecto, que se poidan apreciar aspectos construtivos como cornixas, fiestras e arranques de arquerías que doutro xeito non se poderían ver. Ademais, tal e como cita Alonso no proxecto, chegar á cima do torreón permitirá “entender a razón de ser” da fortaleza, colocando ás persoas que a visiten no lugar desde onde se vixiaban os arredores na época medieval.

Ademais de divisar parte do val do Castro, desde o alto tamén se ven mellor os rochedos do Saíme e o marcado desnivel do río, que conforman un dos puntos de interese do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. De feito, a fortaleza de Naraío érguese ao carón da falla xeolóxica que vai desde As Pontes até Campelo, en Valdoviño, e na confluencia entre o bloque granítico do Forgoselo e os terreos sedimentarios que se extenden cara ao norte.

Colaboración entre Deputación, Concello e Xunta
As obras que agora saen a concurso público teñen tras de si anos de negociacións do Concello coa Deputación e a Xunta de cara a lograr a implicación de ámbalas institucións no desenvolvemento dun proxecto que a administración local non podería asumir en solitario.

Desde as dúas primeiras actuacións -desenvolvidas entre 2007 e 2011 con financiamento autonómico- no entorno do castelo de Naraío non se volveu facer ningunha obra. En 2015 e 2017 mantivéronse reunións con responsables da Xunta solicitando a continuación dunha posta en valor que quedara truncada ao comezo da crise.

Daqueles encontros arrancouse o compromiso da Consellería de Cultura de preparar o proxecto técnico para unha terceira fase de consolidación, aínda que sen achega económica para as obras propiamente ditas. Aí entrou en xogo Deputación da Coruña, quen facilitou o 80% dos cartos necesarios por medio dun convenio suscrito co Concello o pasado mes de decembro. Polo tanto, a Deputación pon 151.000 euros, o Concello outros 37.500 -reservados dos remanentes de 2017- e a Xunta asume os custes do proxecto arquitectónico e da dirección de obra, que non aparecen especificados na documentación do expediente municipal.

O procedemento de contratación dos traballos está publicado desde este mércores no Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño. As empresas poderán achegar as súas propostas ata as 23.59h. do día 24 de abril e prevese que sexan analizadas pola mesa de contratación cinco días despois. O prazo máximo de execución estímase en dous meses.

Para o executivo local o desenvolvemento desta terceira fase de consolidación “suporá un importante avance na posta en valor do castelo, que é un patrimonio fundamental para o noso concello e un dos maiores atractivos turísticos que temos, aínda no estado en que se encontra nestes momentos”, explica Secundino García. Porén, o rexedor engade que neste momento “xa se está buscando financiamento” para levar a cabo unha cuarta e definitiva fase coa que “deixar ao descuberto todo o que esconde o castelo e acompañalo de todos os elementos que nos permitan interpretar a súa excepcional arquitectura e a súa verdadeira dimensión histórica”.