Friday 22 de November de 2024

A Xunta asina co concello de Miño o convenio para a xestión do Centro de Día para maiores dese municipio coruñés


É o último paso para a entrada en funcionamento do servizo
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Miño, Ricardo Sánchez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a xestión e co-financiamento do novo centro de día de Miño, que estará incluído na rede pública de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia. Este acordo supón a cesión de uso, por parte do concello, do inmoble onde se asenta este recurso.

Coa rúbrica deste documento, as Administracións autonómica e local dan o último paso para a entrada en funcionamento do centro, que se prevé para o vindeiro mes de abril. Deste xeito, supéranse os problemas técnicos que xurdiran nos meses pasados e que impedían a posta en marcha deste recurso, que ten unha capacidade máxima de 30 prazas e que abrirá as súas portas con entre 15 e 20 persoas usuarias.

O convenio que asinaron hoxe a conselleira e o alcalde de Miño establece tamén o réxime de co-financiamento entre Xunta e Concello, que se axusta aos termos establecidos no Acordo Marco asinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Consellería de Política Social.

O novo servizo para os maiores de Miño dispón de 360 metros cadrados útiles repartidos entre planta baixa e primeira planta. Conta con comedor, sala de rehabilitación, sala de enfermería e curas e sala polivalente para diversas actividades, esta última, ademais, cunha parte de galería.