En total incorpóranse á colección permanente 39 novas pezas entre as que destacan dúas cerámicas de Pablo Picasso
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da nova colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña que acaba de ampliar o seu catálogo con novas pezas procedentes do Museo Nacional del Prado, do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e doutras institucións como o Círculo de las Artes de Madrid ou de préstamos de particulares.
En total incorpóranse á exposición do museo coruñés 39 obras de distintos autores como Urbano Lugrís, Julia Minguillón, Lago Ribera, Xaime Quesada, Juan Luis López, Isaac Díaz Pardo, Elena Gago, Manuel Molezún, Alberto Datas, Román Navarro ou Isidoro Brocos. A maior parte destes novos fondos proceden do Museo Nacional del Prado, que cedeu 23 obras do pintor Fernández Álvarez de Sotomayor.
Cómpre destacar que entre os novos fondos sobresaen dúas cerámicas de Pablo Picasso adquiridas polo museo á Fundación Camilo José Cela, xunto cunha obra de Urbano Lugrís.
Estes novos ingresos supoñen, pola súa calidade e representatividade, un enriquecemento da colección permanente, xa que permite mostrar un renovado discurso expositivo e unha reorganización de espazos que sen dúbida axudará a comprender mellor o mundo convulso de finais do século XIX e principios do XX,
Nova colección numismática
Todos estes cambios obrigaron a realizar modificacións museográficas, novas distribucións e cambiar soportes informativos. Xunto con esta remodelación hai que destacar a nova presentación da primeira sala da colección. Este espazo acollerá unha colección de numismática procedente de doazóns, adquisicións e depósitos. Esta mostra segue unha sucesión cronolóxica desde a Idade Antiga ata a Idade Moderna, xa que as moedas en canto conteñen textos, signos e marcas convértense nun documento cronolóxico e histórico que permiten coñecer as circunstancias da circulación monetaria, así como o seu contexto político, social e económico.
Esta nova exposición ten un marcado carácter didáctico e permite mostrar ao público unha das seccións que ata hoxe non tiña un destacado papel na exposición permanente.
Como novidade, cómpre destacar que este catálogo acaba de incorporar a colección de moedas emitidas pola Real Casa da Moeda da Coruña, adquirida a un coñecido coleccionista e historiador coruñés. Agora, tras a súa catalogación e documentación, o Museo de Belas Artes da Coruña exporá unha significativa selección de 41 moedas emitidas entre o século XII ata o século XVII.